Unha plataforma de xestión integral mellorará os Servizos Sociais municipais
O Concello de Lugo autoriza a adxudicación á empresa Imatia Innovation S.L da implantación dunha plataforma de xestión integral que contribuirá a incrementar a eficacia dos Servizos Sociais municipais.
A aplicación, que terá un custo de 70.180 euros contribuirá a facilitar o tratamento da información procedente das diferentes áreas municipais, propiciando a interoperabilidade entre departamentos e co resto de organismos públicos cos que a Administración local traballa en rede.
Deste xeito, o Executivo de Lara Méndez, continúa dando pasos na modernización tecnolóxica da Institución, nesta ocasión, a través da Estratexia Dusi – Muramiñae.
O novo sistema permitirá aunar os datos estratéxicos e dar soporte integral á Concellería de Benestar, que dirixe Olga López Racamonde, favorecendo a abordaxe e tramitación dos expedientes, o acceso e custodia da información e a conectividade cos sistemas informáticos doutros organismos, como pode ser o da RISGA ou o do Servizo de Atención á Dependencia da Xunta de Galicia.
Segundo sinalou a edil, o contrato terá un prazo de execución de 10 meses para a instalación das ferramentas dixitais e outro de 2 anos para o soporte e mantemento, que non poderá ser prorrogado.
Olga López incidiu na utilidade da plataforma como “unha solución tecnolóxica que redundará especialmente na celeridade do labor municipal e que reverterá directamente nas relacións coa cidadanía e co resto de entidades, en tanto incrementará a dilixencia dos procedementos e a funcionalidade das prestación públicas”.
A actuación se enmarca na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.