Unha sentenza avala a denuncia do BNG contra o alcalde por vulnerar os dereitos dos concelleiros da oposición

LugoXa | TerraChaXa
Tamén pon de manifesto a necesidade de contar cun regulamento que estableza con claridade o funcionamento das sesións plenarias
bng-pleno-outeiro-de-rei
25 Mar 2026

O xulgado do contencioso vén de ditar unha sentenza na que se da a razón ao BNG de Outeiro Rei porque o alcalde "vulnera os dereitos dos concelleiros e concelleiras do Bloque Nacionalista Galego no exercicio das súas funcións nos plenos municipais".

A resolución xudicial dá a razón ao grupo municipal do BNG ao recoñecer que se produciron actuacións que lesionaron os seus dereitos como representantes públicos, "especialmente no relativo á participación e ao exercicio da súa función de control e fiscalización do goberno municipal".

Dende o BNG subliñan que esta sentenza confirma o que levan anos denunciando publicamente: "unha forma de actuar por parte da Alcaldía que limita a participación da oposición e que dificulta o normal funcionamento democrático da institución municipal". Neste sentido, sinalan que durante anos veñen advertindo dun comportamento que consideran "claramente antidemocrático" por parte do alcalde de Outeiro de Rei.

Para o grupo municipal nacionalista, o seu traballo no Concello non ten outro obxectivo que trasladar ás institucións as demandas e preocupacións da veciñanza. “Presentar e debater iniciativas que a propia veciñanza nos traslada é precisamente o que este grupo municipal tenta facer, cumprindo coa responsabilidade que temos como representantes públicos”, sinalan.

A formación nacionalista considera especialmente relevante que a propia sentenza afee ao Concello determinadas prácticas que limitaban a participación do grupo municipal do BNG nos plenos. Así mesmo, pon de manifesto "a necesidade de contar cun regulamento que estableza con claridade o funcionamento das sesións plenarias e garanta os dereitos de todos os representantes públicos".

Dende o BNG sinalan que o recurso á vía xudicial foi unha decisión adoptada "para defender os dereitos democráticos e garantir que a corporación municipal funcione con normalidade institucional, respecto e transparencia".

Finalmente, agardan que esta sentenza sirva para corrixir estas prácticas e para que no futuro se respecte plenamente o papel da oposición, permitindo que todos os grupos municipais poidan exercer as súas funcións en igualdade de condicións e con total respecto ás regras democráticas.

0.12464499473572