Unha sentenza obriga ao Concello de Lugo a readmitir á xefa de persoal
Unha sentenza do Xulgado do contencioso-administrativo nº1 de Lugo vén de declarar nulo o cesamento da xefa de persoal do Concello de Lugo e ordena a súa readmisión. A traballadora fora apartada do cargo en xaneiro do 2020 tras un acordo da xunta de goberno, que entendía que había "cumprimento inaxeitado das súas funcións"
No fallo, contra o que cabe recurso de apelación, a xuíza desmonta os argumentos da xunta de goberno: "a decisión administrativa impugnada non é axustada a dereito por non quedar acreditado, nin sequera minimamente, o incumprimento inaxeitado das funcións, tarefas e deberes propios do cargo que ostenta a recurrinte", apunta a sentenza.
A maxistrada salienta que durante os 23 anos que a traballadora permaneceu no seu posto de traballo, non consta “que se incoase contra ela ningún tipo de expediente de carácter disciplinario ou se lle realizase algún apercibimento”. Así, a sentenza desmente as acusacións verquidas contra a traballadora porque “non aparecen avaladas por proba algunha”, e conclúe que a resolución do Concello se fundamentou “en valoracións eminentemente subxectivas”.
O CONCELLO RECURRIRÁ
Tras conocerse o fallo, o Concello de Lugo anunciou que recurrirá a sentenza que declara nulo o cesamento da xefa de persoal e amosou o seu "total desacordo" coa mesma. Insisten en que a decisión do cese desta traballadora se baseou no incumprimento "inaxeitado" das funcións atribuídas ao seu cargo, que estaba "freando" unha xestión como é a da área de persoal "que afecta á totalidade da actividade administrativa municipal".