Unha trintena de empresas asisten ás posta en marcha do programa DiGalicia da CEL

LugoXa
Unha trintena de representantes de diferentes empresas lucenses asistiron hoxe na sede da CEL á primeira xornada de traballo de DiGalicia.
presentacion programa digalicia cel
27 Xuño 2023

A subdelegada participou na presentación do “Programa DiGalicia”, que impulsan a CEL e Estudios Rafer, co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos.

Unha trintena de representantes de diferentes empresas lucenses asistiron hoxe na sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) á primeira xornada de traballo de DiGalicia, un programa de formación e tutelaxe orientado a fomentar a transformación dixital das pemes galegas e financiado a través dos fondos Next Generation UE do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Económica e enmarcado na iniciativa “Xeneración Dixital”, liderada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (SEDIA) do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).

No encontro participaron Jaime López, secretario xeral da CEL, organización colaboradora con DIGALICIA na provincia; Ramón Martínez, CEO de Estudos Rafer, empresa lucense que encabeza a agrupación xestora deste programa de financiamento europeo e unha das 25 que conseguiron en todo o territorio nacional acceder á execución desta iniciativa; e Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo.

Ademais de empresarios, entre o público asistente atopábanse o concelleiro de Desenvolvemento Económico de Lugo, Mauricio Repetto, e técnicos do Igape en Lugo.

Transformación dixital

O secretario da CEL destacou na súa intervención a vantaxe que supón para a provincia que unha empresa lucense lograse financiamento europeo para executar un programa destas características, e subliñou que é “unha oportunidade única para que as pemes de Galicia non perdan a senda da transformación dixital, un proceso imprescindible por canto permite automatizar tarefas e procesos, optimizar as operacións e mellorar a eficiencia na xestión de recursos e activos”.

Isabel Rodríguez sinalou á súa vez en que “a transformación dixital é un dos eixos transversais das políticas do Goberno de España” e que xa se impulsou “a dixitalización de 2.400 pemes lucenses e 14.000 en Galicia a través do Kit Dixital”, co obxectivo de “mellorar a competitividade e eficiencia das pequenas e medianas empresas, así como para apoiar á incorporación á Economía Dixital dos sectores estratéxicos da economía lucense, aumentado a súa produtividade e potenciando a creación de emprego de calidade”.

Pola súa banda, Ramón Martínez detallou que a través de DiGalicia “formarase a un total de 650 directivos e a 188 ‘axentes do cambio’ ou dixitalización en empresas de entre 10 e 250 traballadores de toda Galicia”. Informou de que o prazo de inscrición xa está aberto e que as prazas se cubrirán por rigorosa orde de reserva, que pode formalizarse xa a través da web https://digalicia.es. Lembrou asemade a posibilidade de acceder a axudas de até 20.000 euros para a contratación dos axentes de dixitalización formados.

0.18593597412109