Unha vertedura no Rego do Salgueiral preocupa ao BNG de Monterroso

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Monterroso, a través do concelleiro Brais Vázquez, presentou no Concello un rogo urxente para que se adopten os medios necesarios que permitan eliminar de inmediato unha vertedura que se produce desde hai meses na zona do Rego do Salgueiral, nas proximidades da estrada que une o IES Monterroso con Podente, preto do desvío cara a Esporiz.
Segundo o BNG, a situación xa fora comunicada ao Concello en xaneiro de 2024, pero permanece sen resolver, afectando directamente á contorna natural do regato. Na zona acumúlanse residuos orgánicos, biolóxicos e plásticos, así como restos de inodoros e augas fecais. “As bocas de saída desbordan e deixan todo o lixo na superficie, provocando un fedor insoportable e unha imaxe lamentable para quen pasa pola zona”, explica Vázquez.
O problema agravouse recentemente tras o rebentón dun tubo situado máis arriba, que verte directamente no regato co mínimo incremento de consumo de auga ou poboación. O BNG alerta de que a situación “vai empeorar de maneira evidente coa chegada das choivas do inverno”, debido ao risco de contaminación do leito do regato e das zonas agrícolas e naturais próximas.
A formación nacionalista achegou fotografías ao Pleno municipal e repetirá esta acción no vindeiro pleno de outubro para que o goberno local “non poida alegar descoñecemento” e comprobe a gravidade da situación. “É intolerábel que se permita un vertido deste tipo tan preto dun centro educativo e dun espazo natural, sen que se actúe con urxencia”, subliña Vázquez.
O BNG lembra que o Concello está obrigado a garantir o correcto funcionamento das canalizacións e a protección dos cursos de auga, evitando vertidos incontrolados que poidan afectar á saúde pública ou ao medio ambiente, tal como establece a lexislación galega e estatal. “Non se pode mirar para outro lado mentres se contaminan os regatos e se pon en risco o contorno dun instituto e dun núcleo habitado. É responsabilidade do goberno municipal actuar de inmediato e depurar responsabilidades se fose necesario”, conclúe o concelleiro.
O grupo nacionalista insiste en que se deben mobilizar recursos técnicos e humanos para reparar o sistema de canalización, limpar a zona afectada e garantir que non se repita unha situación similar. “Falamos de saúde pública, protección ambiental e tamén de dignidade para Monterroso”, conclúe Brais Vázquez.