Unha vintena de asociacións de Lugo abandonan a Federación veciñal por discrepancias coa súa dirección

LugoXa
A decisión foi precipitada polos feitos acontecidos o pasado venres 24 de maio no barrio da Milagrosa, cuando "foi vetada a participación de concelleiras do Partido Popular"
asociacions-vecinal-sede-lugo
28 May 2025

Un total de dezasete asociacións veciñais de Lugo, xunto co Motoclub Ciudad Norte Piringalla, anunciaron oficialmente a súa baixa da Federación de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti”. As entidades asinantes —entre as que se atopan Nova Lúa, Garaballa O Ceao, Piringalla, Castiñeiro Abella Pontenova, Lugo Norte Puente Romay Las Gándaras, Aira Bella Ferramulín, Entre Carrís, Piñeiro Rancho Grande, San Xosé Polvorín As Gándaras, Peizal Outeiro Pedreda, Los Tres Molinos de Bascuas, Toxo Longo San Salvador de Outeiro, entre outras— afirman que a súa decisión responde a un proceso de fondo marcado por diversas discrepancias, pero que se viu precipitado polos feitos acontecidos o pasado venres 24 de maio no barrio da Milagrosa.

Segundo denuncian, nese acto público foi vetada a participación de concelleiras do Partido Popular, un feito que cualifican como “sen precedentes” e atribúen á dirección da Federación. As entidades consideran que este tipo de actuacións van en contra da esencia das asociacións veciñais, que deben ser espazos de diálogo, encontro e traballo común, afastados de calquera interese político ou actitude excluínte.

Nun comunicado conxunto, aseguran que a actual deriva da Federación Lucus Augusti xa non representa os valores nos que se recoñecen, como a pluralidade, o respecto e o ben común. Critican tamén a falta de resposta institucional por parte da Federación, que non emitiu ningunha condena pública nin abriu canles de diálogo nin exercicio de autocrítica tras o ocorrido, unha actitude que cualifican de “cómplice” e “decepcionante”.

A pesar da ruptura formal coa Federación, as entidades reafirmaron o seu compromiso coa veciñanza e co traballo en positivo para mellorar barrios e parroquias. Subliñan que seguirán colaborando con todas as administracións e representantes públicos, independentemente da súa cor política, defendendo sempre a liberdade, o respecto e o diálogo como ferramentas fundamentais para avanzar.

⚙ Configurar cookies
0.14591598510742