Unha vintena de bens culturais doados incorpóranse aos fondos do Museo de Lugo
O Museo Provincial recibiu 23 bens culturais a través de doazóns no que vai de ano. O organismo incorporou dous novos cadros do pintor Xosé López Guntín (Vilalba, 1929-Lugo,1996), cedidos por particulares que amplían a representación de obras do pintor vilalbés nos fondos do museo. Así, xunto cos dous retratos en óleo sobre lenzo -Retrato de D. Antolín Sánchez Vieites e Retrato de Dª Isidra Vázquez Molezún- o Museo Provincial de Lugo conta así con 13 obras da súa autoría.
A maioría correspóndese con retratos -un xénero polo que foi especialmente recoñecido e apreciado-, mais tamén composicións que representan escenas de costumes e tradicións, particularmente na provincia de Lugo. O Museo Provincial de Lugo agradece a xenerosidade das persoas e entidades doantes, que amplían os fondos da institución e depositan a súa confianza na súa labor de conservación, estudo e divulgación. Nos últimos meses, incorporaron a obra Samos de Leopoldo Nóvoa, 15 acrílicos da colección VOCES de Alicia Benítez, pezas de etnografía e artes Decorativas do Concello de Baralla do século XX.
As doazóns supoñen, xunto aos depósitos e as adquisicións, unha das fontes de ampliación e renovación dos fondos museográficos máis destacadas. En 2023, o Museo Provincial de Lugo incorporou 88 bens culturais, a través de diferentes fórmulas, destacando as dezaseis obras de Tino Grandío depositadas por Rosendo Figueroa Dorrego, que propiciaron a creación dunha sala monográfica sobre o pintor.