Unha vintena de persoas infórmanse sobre igualdade e diversidade nas empresas nunha xornada da CEL

LugoXa
Está organizada co financiamento da Xunta de Galicia e o SEPE que abre a programación divulgativa 2025 da entidade nesta materia
xornada-cel-igualdade
3 Jun 2025

Máis dunha vintena de persoas, representantes de empresas, organizacións empresariais e outras entidades asociativas de Lugo, déronse cita hoxe na sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) nunha xornada informativa presencial sobre novidades normativas en materia de igualdade.

Organizada co apoio da Xunta de Galicia e o SEPE, a xornada tiña por obxectivo informar as empresas de Lugo, ás súas áreas de recursos humanos e empresarios, sobre a normativa vixente en materia de igualdade, apoiándoas na súa cumprimento. No entanto, o foro buscaba ir máis aló, contribuíndo tamén a avanzar no obxectivo de construír contornas laborais igualitarias e seguras para todas e todos, con respecto á diversidade, independentemente da identidade e orientación sexual de cada un.

Nesta liña se manifestaron na presentación do encontro Guadalupe Hervera, técnico da área xurídica da CEL e coordinadora do Gabinete Técnico de Igualdade da organización empresarial lucense, así como Eva Amores, coordinadora do Gabinete de Igualdade da CEG e Carmen José López, directora territorial de Emprego en Lugo da Xunta de Galicia. Todas elas coincidiron en sinalar a necesidade de seguir traballando para acadar unha igualdade “real e non soamente estética”, integrándoa dentro dos valores corporativos das empresas e asumíndoa como algo natural e non sobre o que se necesite actuar, o que consideran contribuirá a que “melloremos non só como empresas se non tamén como sociedade”.

Obrigas

A xornada contou coas achegas técnicas como relatora de Cristina Pérez Vázquez, licenciada en Psicoloxía e máster en Prevención de Riscos Laborais e Dirección e Xestión de Recursos Humanos, ademais de Axente de Igualdade de Oportunidades que actualmente desenvolve o seu labor profesional en Grupo Isonor. Cristina realizou un repaso polas últimas novidades lexislativas que afectan as empresas en materia de igualdade de oportunidades, abordando todas aquelas cuestións como obrigacións, plans de igualdade, protocolos de acoso, dereitos das persoas LGTBI, entre outras, e que varían segundo o número de traballadores de cada empresa.

Igualmente, contouse coa intervención de David Seijas, director de Recursos Humanos, Saúde e Seguridade do Grupo AMSlab, que explicou a súa experiencia coa negociación, aplicación e rexistro do seu plan de igualdade.

A CEL lembra ademais que, conforme á normativa en materia de igualdade, as empresas están obrigadas a promover condicións de traballo para a protección integral contra violencias sexuais e evitar situacións de desigualdade e discriminación, debendo ao efecto establecer diferentes medidas, entre elas de sensibilización e información nesta materia de todo o seu persoal, así como difusión no ámbito laboral da necesaria igualdade de trato e non discriminación, polo que a participación de empresarios e persoal en xornadas informativas e divulgativas contribúe a acreditar o cumprimento de tales obrigacións.

O encontro celebrado hoxe constitúe o pistoletazo de saída das xornadas informativas e divulgativas en materia de igualdade programadas para este exercicio 2025 pola CEL e financiadas pola Xunta de Galicia e o SEPE. As próximas celebraranse na modalidade online e a inscrición pode tramitarse na web da CEL ou chamando ao 982 23 11 50.

⚙ Configurar cookies
0.82229804992676