Unha visita polo cemiterio de San Froilán para coñecer os anxos tallados da man Achádego Teatro
Continúa a programación cultural do Cemiterio de San Froilán o vindeiro domingo día 28 de abril, coa obra Mallo, Asorey e os seus anxos. Trátase da segunda das visitas teatralizadas do ano que, en forma de faladoiros de domingo, constitúen unha actividade teatral cuxo guión e interpretación corre a cargo de Achádego, grupo de teatro da cidade cunha importante traxectoria artística.
Na peza percórrese, da man de Manuel Mallo, o Cemiterio e coñecerase a importante colección de anxos tallados por el que se atopan na necrópole, así como o significado de cada un deles. Nesta visita o señor Mallo estará acompañado, polo tamén escultor Francisco Asorey, destacado na realización de Cristos e santos de madeira.
Na compaña deles aprenderanse aspectos relevantes das súas vidas vistos desde o alén que axudarán a coñecer e comprender a súa pegada na historia da cidade. A actividade comezará ás 17.30 horas. Poderanse solicitar de xeito gratuíto nas oficinas de cemiterio, así como na Oficina de Turismo sita na Praza do Campo. Tamén se poderán reservar por teléfono no propio recinto: 982 297 303. Entregaranse, como máximo, 4 entradas por persoa.