Unha xornada en Lugo aborda o marco xurídico aplicable ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia machista
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anima á participación dunha actividade enmarcada na semana do 8M que afondará no marco xurídico aplicable ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia machista. A subdelegada destacou a importancia que ten esta xornada para achegar as institucións ás mulleres que proceden doutros contextos, ampliando o coñecemento tamén para os e as axentes que interveñen no proceso da violencia de xénero sobre os distintos procedementos a seguir, e explicando as distintas posibilidades existentes para saír de situacións de violencia polo feito de ser mulleres.
Estas xornadas abordarán polo miúdo as distintas opcións da muller estranxeira na normativa de Estranxeiría así como as situacións administrativas ás que pode acollerse tanto desde o seu país de orixe como unha vez en España en función do réxime xurídico de aplicación e a especial atención ás situacións de maior vulnerabilidade nas que poden atoparse: violencia de xénero, violencia sexual, trata de seres humanos.
A formación estará dirixida para persoas que estean en contacto e traballen con mulleres que estean a sufrir algún tipo de violencia como son os Centros de Información á Muller (CIMs), servizos sociais, concellos, asociacións de vítimas de violencia de xénero, avogados e letrados, entre outros actores. A xornada contará como relatoras coa xefa da Dependencia Provincial de Traballo e Inmigración, Elba Rivas, e a xefa da Oficina de Estranxeiría de Lugo, Montserrat Vidal.
A formación terá lugar o martes 5 de marzo ás 11:00 horas no Salón de Actos da Axencia Tributaria de Lugo. Por motivos de aforo, deberá confirmar a súa asistencia (nome, apelidos e DNI), antes do 4 de marzo no correo unidades_violencia.lugo@correo.gob.es ou no teléfono 982 759 223. Esta xornada enmárcase dentro do plan de actividades que dende as Unidades de Violencia de Xénero da Delegación e Subdelgacións do Goberno en Galicia se levaran a cabo durante a próxima semana, con actos entre os que se encontran a lectura do manifesto.