Unhas 400 persoas participaron na comida rural organizada polo PP de Lugo

LugoXa
Na comida rural organizada polo PP de Lugo á que asistiron 400 persoas e na que se entregou o Premio Serafín Pena Souto
RUEDA CANDIA PREMIO COMIDA RURAL SERAFIN PENA SOUTO
1 May 2023

Alfonso Rueda reivindica que Elena Candia non entende Lugo sen a súa parte rural e que por iso será unha gran alcaldesa.

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou na comida rural organizada polo PP e á que asistiron 400 persoas e na que se entregou o Premio Serafín Pena Souto.

Rueda asegurou que as “cidades galegas non se entenden sen a súa parte rural” porque “desde o pequeno constrúese todo” e neste sentido amosouse convencido de que Elena Candia será unha gran alcaldesa porque ten no rural unha prioridade. “Cada galego, viva onde viva, ten dereito a estar provisto dos servizos fundamentais”, remarcou ao tempo que criticaba aos políticos que “non entenden que ter un rural con servizos básicos é unha prioridade”, dixo.-

Alfonso Rueda puxo en valor algunhas das medidas postas en marcha polo Goberno galego para facilitar o asentamento e os servizos no rural – como as casas niño, as casas do maior, os polos de emprendemento, as axudas ao agro ou as concentracións parcelarias – partindo da premisa de que quen decida vivir nunha parroquia que pertence a unha gran cidade ten que ter sempre garantidos os mesmos servizos que os que viven no centro.

Facendo un chamamento a “respectar e aprender do pequeno”, o líder dos populares galegos reivindicou que Elena Candia “sabe como xestionar fixándose no máis pequeno, que é onde máis experiencias e iniciativas se poden poñer en práctica”.

“Nos sitios pequenos é onde se aprende a boa política. Falando coa xente das súas necesidades básicas é como te das conta do que a xente espera das súas administracións. E como esa escola a tiveron Elena Candia e Alberto Núñez Feijóo, saberán aplicalo en dous sitios máis grandes: Elena en Lugo e Feijóo en España”, engadiu.

En clave electoral, Alfonso Rueda avisou de que “aínda non está todo feito”, animando aos seus a “non confiarse” e a seguir facendo o que levan facendo todo este tempo: “Traballar con humildade, falando coa xente, non créndonos en propiedade da verdade absoluta e non andar disimulando pactos”.

“Se o 28 de maio vai ben, será porque tivemos a maioría. Se tivemos a maioría e a alegría de ter unha alcaldesa do PP en Lugo, será porque se traballou moito e a xente confiou en todo ese traballo”, concluíu.

ELENA CANDIA

A popular dirixiuse as máis de 400 persoas que hoxe se deron cita na XIII edición do xantar do rural: “Esta cita é moi importante porque nos permite reivindicar os valores que nos representan como proxecto político”.

Candia destacou “as calidades das xentes das 54 parroquias que coñecen o valor do esforzo , do traballo, que coida o noso e que non esquece nunca de onde vimos, a súa lealdade e o valor da palabra dada”.

Explicou que “estamos nun momento decisivo e que o voto do rural vai ser crucial para chegar ao goberno”, animando aos seus a recuperar a “todos os votantes que nas anteriores eleccións non meteron o papel do PP nas urnas”.

“O 28 de maio os lucenses van escoller o cambio que Lugo necesita” e avanzou que “o PP ten argumentos, ten equipo e que fará unha campaña de cercanía con humildade e sen atacar a ninguén”.

“A maioría absoluta acádase se somos capaces de manter os leais e se somos capaces de xestionar con xenerosidade e sen rancor a quen sabemos que non nos votaron”.

Durante a súa intervención no tradicional Xantar do Rural a alcaldable popular pediu aos simpatizantes das 54 parroquias que se mobilicen para que o cambio de goberno sexa, o vindeiro 28 de maio, unha realidade”.

PROPOSTAS PARA UN RURAL MODERNO

Elena Candia quere que haxa máis e mellores servizos no rural e compromete que se chega á alcaldía “nos 100 primeiros días do seu mandato impulsará un Plan de Reequilibrio de investimentos que contemple a planificación para dotar os principais servizos: auga, saneamento, mantemento de vías, cobertura”.

A popular tamén explicou que impulsará “un servizo de taxi a demanda, un plan de soidade non desexada para que ningún maior o pase mal, actividades e puntos de información nas 54 parroquias e campamentos para nenos e nenas”.

Tamén manifestou que “dará apoio ao sector primario con rebaixas de impostos para favorecer as permutas, eliminación da burocracia e un plan piloto para a protección de danos da fauna salvaxe cumprindo a lei de calidade alimentaria”.

III EDICIÓN PREMIO SERAFÍN PENA SOUTO

Esta xuntanza multitudinaria foi o escenario da entrega do III Premio Serafín Pena Souto, que recibiu o promotor do Lucus Aventur que é un parque de aventuras situado no lugar de Bandelo na parroquia de Ombreiro.

Este é un recoñecemento pola innovadora proposta de turismo activo xa que supón “un reclamo máis de ocio para os que visitan o municipio” ademais de resaltar que nestas instalacións se “inculca a práctica dunha vida saudable e hai actividades de divulgación sobre a importancia de coidar o medio e protexer o patrimonio natural que temos en Lugo”.

As instalacións de Lugo Aventur ocupan unha extensión de 50.000 metros cadrados, están localizadas a escasos minutos de Lugo nun entorno privilexiado dentro da Rede Natura 2000.

Iniciativas como este parque multiaventuras demostran que na zona rural ademais do sector primario hai alternativas e oportunidades para crear empresas de servizos que supoñen un atractivo para os que nos visitan.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.21734094619751