Unións Agrarias denuncia as trabas da Xunta para obter o certificado dixital en Lugo
Unións Agrarias denuncia a "falla de previsión e dilixencia da Xunta de Galicia que está a obstaculizar a tramitación do certificado dixital debido a carencias de persoal". A organización agrogandeira insta "á administración a actuar con responsabilidade e previsión e a non deixar desatendida a Delegación de Lugo onde nos últimos días se negou a atención a varias persoas que acudiron con cita concertada despois de realizaren desprazamentos de máis dunha hora".
Dende a UUAA "non entende que o goberno galego non habilite unha vía alternativa á presencial para un trámite que únicamente é posible realizar na capital provincial. E lamenta que se siga a penalizar á veciñanza do rural obrigándolle a asumir desprazamentos quilométricos e a perder tempo e cartos para realizar xestións indispensables para o seu día a día".
Unións Agrarias faise eco do descontento de gandeiros da Montaña Lucense e "considera intolerable que a administración autonómica non atenda citas xa fixadas sen dignarse sequera a comunicarse coas persoas afectadas para cancelalas". Ademais, lembra "os prexuízos que estas trabas poden supor para as pequenas explotacións da zona, que neste momento están a realizar os trámites para poder beneficiarse das axudas do Kit Dixital".
Contar co Certificado Dixital é requisito indispensable para que os gandeiros poidan acceder ás subvencións para dixitalización do Ministerio de Agricultura. Unhas achegas que se concederán por orde de presentación; e que "as explotacións lucenses poderían deixar de percibir debido ás trabas e atrasos impostos pola Xunta de Galicia".
A organización agrogandeira lamenta "os obstáculos que a administración autonómica está a impoñer á poboación que máis sofre as consecuencias da fenda dixital". E insta á Xunta de Galicia a "actuar con responsabilidade para que a veciñanza do rural lucense e, máis concretamente, as pequenas explotacións tradicionais, non se vexan novamente penalizadas".
UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor, o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade.