Uns 1.300 mozos dos Ancares poden optar ás axudas de compra ou alugueiro

LugoXa
Isabel Rodríguez anima aos concellos dos Ancares a aproveitar a oportunidade que ofrecen os investimentos do Goberno en materia de vivenda
Subdelegada Goberno Cervantes
8 Xuño 2022

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, resaltou en San Román a oportunidade histórica que supoñen para os concellos lucenses os fondos destinados polo Goberno a garantir o acceso á vivenda.

A subdelegada, que se reuniu onte cos alcaldes de Cervantes, Benigno Gómez, e de Navia de Suarna, José Fernández, así como con unha representante do Concello de Pedrafita do Cebreiro, destacou que os investimentos que está a mobilizar o Goberno en materia de vivenda teñen un especial interese no caso dos concellos menos poboados, que se poden beneficiar dunha liña de axudas destinada a favorecer o asentamento de poboación nova nos municipios con menos de 10.000 habitantes.

A subdelegada trasladoulles a importancia de que os seus veciños e veciñas estean informados das distintas liñas de axudas ás que poden optar para acceder ou mellorar as súas vivendas. Así, explicou que o Goberno destina recursos tanto para a rehabilitación, con un investimento de 425 millóns de euros en Galicia, como para axudas ao alugueiro, como é o caso do Bono de Alugueiro Xoven.

Rodríguez fixo fincapé, ademais, en que o Plan de Recuperación dedica axudas especificas para os concellos con menos de 10.000 habitantes, como son os da comarca dos Ancares, coas que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana quere fomentar o acceso á vivenda de xente nova nos municipios menos poboados.

Nos seis concellos dos Ancares, son ao redor de 1.300 mozos e mozas os que se poden beneficiar deste programa de subvencións á adquisición ou arrendamento dunha casa, que ten o dobre obxectivo de facilitar o acceso á vivenda á mocidade e atraer poboación xoven aos concellos máis envellecidos e despoboados da provincia.

A subdelegada destacou que as axudas para o alugueiro deste programa de axuda ás persoas novas e para contribuír ao reto demográfico son compatibles co Bono Alugueiro Xoven.

O Programa de axuda ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico é un dos trece programas que forman parte do novo Plan estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, aprobado polo Goberno. O obxectivo deste programa é atraer xente moza aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento de poboación nestes territorios.

0.19708180427551