Uns 171 quilómetros e 5 concellos: La Vuelta volve a pasar por Lugo despois de tres anos

LugoXa
Sairá de Lugo cara a Montaña pasando polos concellos do Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes
Presentación-La-Vuelta-2
2 Xul 2024

A etapa número 13 de La Vuelta percorrerá, o vindeiro 30 de agosto a provincia desde a capital e ata Os Ancares. Unha etapa “emocionante” que segundo explicou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, sairá de Lugo cara a Montaña pasando polos concellos do Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes para encarar despois a ascensión ao Porto de Ancares pola súa vertente leonesa.

“Temos experiencia doutros anos, o retorno económico que xera a medio prazo en termos de turismo. Pero tamén sabemos todo o que reporta a curto prazo a organización dunha proba tan complexa coma esta, que mobiliza a miles de persoas”, subliñou o mandatario provincial. A Deputación inviste 40.000 euros para a celebración desta competición ciclista a través dun contrato de patrocinio coa entidade organizadora da proba, Unipublic.

Sinalou o presidente que esta cita “está na elite do ciclismo mundial, ao nivel do Giro de Italia ou o Tour de Francia, seguida por máis de 400 millóns de persoas de 190 países” e que o investimento da institución provincial xera así “un grado de exposición mundial imposible de alcanzar doutro modo”, valorando que “o retorno e moi superior ao gasto”. Destacou que esta é, polo tanto, “unha das mellores formas de levar ó plano nacional e internacional a nosa oferta turística, e esa aposta que facemos por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible e de experiencias”.

Ademais La Vuelta é tamén “unha inspiración para todos, especialmente para aqueles máis novos, porque representa os valores ligados á excelencia deportiva: esforzo, compañeirismo, estratexia e competición”. Pola súa banda, Javier Guillén sinalou durante a presentación que hai moitas formas para definir unha etapa, pero que neste caso a mellor definición é a de “etapón” porque ten de todo: unha estética “extraordinaria” e grazas aos corredores unha extraordinaria “épica”.

Explicou que serán 171 quilómetros con catro portos de montaña, o último de primeira categoría, nos Ancares, onde xa estivo La Vuelta, pero que o pelotón subirá por unha vertente “inédita”. Escartín detallou ademais que o neutralizado terá lugar na capital da provincia, onde o pelotón dará unha volta completa pola Muralla de Lugo antes de coller rumbo pola estrada nacional N- VI en dirección ao Corgo. A última vez que La Vuelta pasou pola provincia de Lugo foi no ano 2021, na etapa 19, entre Tapia e Monforte de Lemos. Foron 187,8 quilómetros, deles 139 por 12 concellos lucenses, e estivo considerada de media montaña.

 

0.17522501945496