Uns 20 lucenses fórmanse no ámbito sociosanitario e socioeducativo
O Concello de Lugo inicia un novo obradoiro dual de emprego para a formación de 20 lucenses no ámbito sociosanitario e socioeducativo. A iniciativa denominado ‘Salus Lugo’, que formará a 20 lucenses en áreas clave como a atención a persoas dependentes en institucións sociais e a promoción e intervención socioeducativa con persoas con diversidade funcional. Este proxecto conta cunha subvención autonómica de 421.000 euros e será coordinado pola área de Dinamización Económica do Concello.
Alvarellos destacou a importancia deste obradoiro, indicando que “a formación nestes ámbitos non só asegura un coidado de calidade para as persoas que máis o necesitan, senón que tamén contribúe a crear un tecido social máis forte e solidario”. A rexedora subliñou a crecente demanda de profesionais neste sector debido ao envellecemento da poboación, sinalando que isto representa un importante nicho de mercado.
O obradoiro ‘Salus Lugo’ combinará formación teórica e práctica. As clases serán impartidas nas instalacións do CEI Nodus e os participantes complementarán a súa formación con traballo efectivo en centros da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspnais), Cogami Lugo e San Vicente de Paul. Alvarellos expresou o seu agradecemento a estas entidades, destacando o seu labor esencial para a creación dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, tamén destacou a relevancia do programa, afirmando que “a formación de novos profesionais no ámbito sociosanitario e socioeducativo é esencial para garantir que todas as persoas dependentes reciban a atención que merecen”. Repetto engadiu que “a comunidade debe seguir apostando pola mellora constante dos servizos, o que inclúe investir na formación e capacitación de quen está na primeira liña de atención”.
O obradoiro ‘Salus Lugo’ contará con dúas especialidades. Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que permitirá obter un certificado de profesionalidade de Nivel 2 e dispoñerá de 10 prazas. E despois promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade, que habilitará para obter un certificado de profesionalidade de Nivel 3 e contará con outras 10 prazas.
A especialidade de ‘Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade’ será impartida por primeira vez en Lugo, o que representa unha valiosa oportunidade para formar profesionais en áreas como a integración social, a monitorización de servizos á comunidade e a educación para persoas con discapacidade.