Uns 300 atletas participarán este sábado nas Xornadas de Atletismo en Pista en Lugo

LugoXa
A cidade converterase este sábado no epicentro do atletismo coa organización das Xornadas de Atletismo en Pista Deputación de Lugo 2024.
xornadas_de_atletismo_en_pista_lugo
2 Feb 2024

A cidade converterase este sábado no epicentro do atletismo coa organización das Xornadas de Atletismo en Pista Deputación de Lugo 2024. O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes, Efrén Castro, o presidente da Federación Galega de Atletismo Iván Sanmartín e o seu delegado en Lugo Pablo Gandoy, acompañados polo tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, presentaron o evento, que comezará no Estadio Gregorio Pérez Rivera.

Será a primeira proba das seis previstas durante a primeira metade do ano, nas que se agarda unha participación total de preto de 2.000 atletas de todas as categorías. Efrén Castro sinalou que “probas e competicións coma estas mostran do peso específico que ten o atletismo no deporte lucense, con atletas de distintas modalidades que destacaron e destacan internacionalmente e cun importante traballo coa base por parte dos clubs”. Tamén valorou a importancia que este ano cobran as categorías base, potenciando a súa participación.

Pola súa banda, dende a delegación lucense da federación agradeceron o apoio da institución provincial e sinalaron que se trata dunhas probas moi valoradas polos clubs, xa que “lle damos oportunidade para que os atletas vaian adquirindo experiencia competitiva e poidan ir facendo as marcas para participar en campionatos galegos e estatais”.

Na xornada deste sábado, con 14 probas atléticas, participarán 300 deportistas de categorías superiores a sub 16, tanto de clubs de Lugo como do resto de Galiza. A vindeira xornada será o 24 de febreiro. Ademais da organización das probas de atletismo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará a adquisición dun equipamento de video finish para a celebración de probas de atletismo na provincia. Trátase dunha tecnoloxía de cronometraxe imprescindible para que as marcas das e dos atletas teñan recoñecemento galego, estatal e internacional.

0.20896291732788