Uns 31 equipos de baloncesto participan en Lugo no terceiro Torneo 3x3 na Rúa
A Xunta patrocina o terceiro Torneo 3x3 na Rúa organizado pola Fundación Breogán, que se desenvolverá este sábado nas pistas exteriores do Pazo dos Deportes de Lugo. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou na presentación da actividade na Delegación Territorial da Xunta xunto co director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada.
A organización destacou o récord de participación este ano coa inscrición de 31 equipos de baloncesto formados por rapaces e rapazas nacidos entre os anos 2006 e 2015, que competirán nas categorías alevín, benxamín, infantil, cadete e junior. Os xogadores e xogadoras lucenses compartirán cancha con deportistas chegados doutros lugares de Galicia como A Coruña e Vigo. O horario previsto será entre as 17,00 e as 21,00 horas.
A Fundación Breogán promove este torneo como a última gran actividade que pecha a actual tempada de deporte base. Arias subliñou a colaboración da Xunta coa entidade para impulsar esta clase de iniciativas que buscan fomentar a práctica deportiva entre os máis novos e animalos a desfrutar de alternativas de ocio saudables.