Unzueta e Samanes visitaron o colexio Salesianos no marco do programa “CD Lugo na Escola”

O Club Deportivo Lugo continúa reforzando a súa relación coa comunidade educativa a través do programa “CD Lugo na Escola”, unha iniciativa que desenvolve en colaboración coa área de Deportes da Deputación de Lugo. Dentro desta actividade, o club realizou unha nova visita ao Colexio Salesianos de Lugo, na que participaron os xogadores do primeiro equipo Iker Unzueta e Santi Samanes.
Durante a xornada, ambos futbolistas compartiron unha mañá co alumnado do centro nun ambiente próximo e participativo. Os estudantes tiveron a oportunidade de conversar cos xogadores e coñecer de primeira man algunhas das súas experiencias no fútbol profesional, así como escoitar consellos relacionados cos hábitos deportivos e co día a día dun deportista de alto nivel.
O encontro permitiu tamén que os alumnos e alumnas se achegasen máis á realidade do club albivermello e reforzasen o seu vínculo coa entidade. Ademais, como é habitual neste tipo de actividades, Unzueta e Samanes dedicaron parte da visita á sinatura de autógrafos e ao reparto de tarxetas personalizadas entre o alumnado.
Durante a actividade, os futbolistas tamén animaron aos estudantes a acompañar ao equipo no encontro que se disputará este domingo no estadio Anxo Carro fronte ao Arenas Club, programado para as 16:00 horas.
Desde o Club Deportivo Lugo agradeceron ao Colexio Salesianos a acollida e a hospitalidade recibidas durante a visita, así como o trato brindado tanto polo alumnado como polo profesorado do centro.