Urnas a pé de rúa na Rolda da Muralla porque o montacargas de Sindicatos segue sen arranxarse

LugoXa
Auxilia Lugo denuncia a situación que supón "unha falta de respecto cara ás persoas que teñen algunha limitación ou discapacidade", pois tiveron que ser atendidas na rúa tamén para exercer o seu dereito a voto este domingo Lugo acolleu este domingo unha xornada electoral que se sucedeu sin maior incidencias, agás no edificio sindical situado na céntrica rolda da Muralla.
xente_votando_18f_sindicatos
19 Feb 2024

Auxilia Lugo denuncia a situación que supón "unha falta de respecto cara ás persoas que teñen algunha limitación ou discapacidade", pois tiveron que ser atendidas na rúa tamén para exercer o seu dereito a voto este domingo

Lugo acolleu este domingo unha xornada electoral que se sucedeu sin maior incidencias, agás no edificio sindical situado na céntrica rolda da Muralla. As persoas con mobilidade reducida vironse na obriga de votar na rúa, xa que o montacargas segue sen arranxarse e non puideron acceder ao colexio electoral. Trátase dunha necesidade que vén demandando dende fai tempo Auxilia Lugo, colectivo que acusa o trato discriminatorio que supón para as persoas con problemas de mobilidade.

Deste xeito, os que non puideron subir os catro chanzos de acceso, tiveron que despositar a súa papeleta fóra do colexio coa axuda do persoal das mesas que se encargaron de sacar as urnas á rúa. Pero non é a primeira vez que se realiza esta denuncia, xa que nas pasadas eleccións municipais a situación era moi semellante, aínda que naquel momento estaba operativo un número para que as persoas con mobilidade reducida puideran chamar e así o persoal acudira atendelos fóra do colexio. "Veu xente maior que tiña dificultade para acceder a dentro. Nesta ocasión ese número non estaba co que a xente que ía soa íase atopar cunha problemática seria e a xente que foi acompañada tiveron que subir os acompañantes para avisar", explica Nuria Neira, delegada de Auxilia Lugo.

Como explican dende o colectivo, durante o 18F a situación agravouse, aínda que segue a ser "indignante de calquera das formas porque ninguén ten que votar na rúa e o número de teléfono non é algo que solvente a problemática, obrígante a ir acompañado se queres acceder ao voto, o que nos parece ainda máis patético". De feito, un dos votantes que non foi quen de acceder "non traía o voto no sobre, se non chega a vir acompañado téñenche que baixar todas as papeletas e ver a quen estás votando cando o voto é segredo".

O colectivo amósase preocupado porque as dificultades en xuño, cando se celebren os comicios europeos, se manteñan. "Vexo que imos seguir na misma situación, é unha falta de respecto cara ás persoas que teñen algunha limitación ou discapacidade, agrega Neira. Pero os problemas de accesibilidade non se limitan ás citas coas urnas, posto que impiden o acceso das persoas con mobilidade reducida ao edificio para realizar calquera outro tipo de xestión no día a día. "Levamos moito tempo con isto, seguimos reinvindicando que non é cousa dun día electoral cando si que se lle pode dar máis visibilidade porque vai máis xente, pero hai que pensar que os sindicatos están alí e se alguén ten que facer algunha xestión teno que seguir facendo na rúa".

Para eles trátase dun "trato totalmente discriminatorio, xa que ninguén ten que escoitar o que falar ou o que necesitas tratar por non falar do feito de ser atendido na rúa", explica a delegada. Recalca que xa se enviou en agosto unha carta ao Ministerio de Economía, que é o propietario do edificio, quen asegurou en resposta automática que o problema se solucionaría á maior brevidade.

Cando se fixo a obra para facer accesible o edificio, estableceuse que o montacargas funcionaría con chave, que tiña o porteiro do edificio, ao que se chamaba cun timbre. Uns anos despois desapareceu a figura do porteiro e ninguén se ocupou desta función polo que o ascensor deixou de funcionar.

Desde Auxilia lembran que ao no poñer en marcha este acceso, estase a incumprir o Real Decreto que obriga a que todos os edificios públicos sexan accesibles. A queixa tamén é porque está cheo de lixo, "pero claro, iso é máis un problema de civismo da veciñanza, e entendemos que non é culpa súa pero si se puidera usar manteríase tamén en mellor estado", afirma.

0.097939014434814