Usuarios de varias residencias de maiores das provincias de Lugo e Ourense celebraron unha xuntanza na Ribeira Sacra

LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Participaron usuarios das residencias dos Miragres, do Carballiño, de Castro Caldelas, de Burela, da Milagrosa, das Gándaras e da residencia de maiores de Monforte de Lemos
xuntanza-maiores-nogueira-de-ramuin
Xuntanza de Maiores en Nogueira de Ramuín
15 May 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao embarcadoiro de Santo Estevo, no concello de Nogueira de Ramuín para, acompañado do seu alcalde, Julio Carlos Temes, saudar aos mais de oitenta usuarios das residencias dos Miragres, do Carballiño, de Castro Caldelas, de Burela, da Milagrosa (Lugo), das Gándaras (Lugo) e da residencia de maiores de Monforte de Lemos que participan nun paseo en catamarán pola Ribeira Sacra, dentro das actividades impulsadas pola Consellería de Política Social e Igualdade co fin de promover o envellecemento saudable.

Manuel Pardo destacou que Galicia é unha das rexións máis lonxevas do mundo e fixo fincapé en que a medida que avanza o tempo os maiores atópanse nun mellor estado de saúde e forma, polo que, sinalou, forma parte do compromiso do Executivo galego garantir as mellores políticas sociais e sociosanitarias para ofrecer a mellor atención e servizos ás persoas da terceira idade.

Neste sentido, o delegado territorial explicou que é necesario seguir impulsando medidas que fomenten un envellecemento activo e permitan aos maiores seguir participando en actividades que melloren a súa actividade cognitiva e física. Así, sinalou que a Xunta seguirá traballando para que as persoas maiores usuarias dos centros da rede galega teñan ao seu alcance programas que melloren o seu benestar e lles permitan continuar desfrutando dos anos como os diferentes programas postos en marcha pola Consellería de Política Social e Igualdade, como a iniciativa Benestar en Balnearios, o programa Xuntos polo Nadal ou as múltiples accións que se desenvolven nas residencias de maiores e centros sociocomunitarios.

Así mesmo, indicou que a Xunta de Galicia traballa para mellorar a calidade de vida das persoas que viven en centros residenciais a través da implantación, entre outras medidas, de novos sistemas de tecnoloxía avanzada que permiten mellorar a comunicación dos usuarios coas súas familias e co persoal. Outra das iniciativas implantadas é a das consolas interactivas que ofrecen aos maiores actividades lúdicas para mellorar a súa actividade cognitiva e previr as demencias.

Manuel Pardo quixo trasladar expresamente aos responsables e ao persoal do centros o agradecemento por seguir impulsando iniciativas innovadoras para facer partícipes ás persoas maiores na vida pública e, deste xeito favorecer o envellecemento activo e permitir aos residentes romper coas rutinas, compartir experiencias e facer un pouco de deporte ao aire libre.

Rematou a súa intervención resaltando o compromiso do Executivo galego para garantir a mellor atención dos maiores en toda Galicia, independentemente do lugar no que residan e impulsando iniciativas para o seu benestar.

⚙ Configurar cookies
0.17230200767517