Usuarios do Centro Dual de Cruz Vermella en Castro Ribeiras de Lea fixeron unha actividade na UNED

A UNED de Lugo acolleu recentemente, nas súas instalacións, un grupo de usuarios do Centro de Patoloxía Dual da Cruz Vermella, situado en Castro Ribeiras de Lea, nunha actividade organizada no marco do proxecto #LugoNaturalMente. Esta iniciativa ten como obxectivo achegar o coñecemento, a universidade e o respecto pola natureza a toda a comunidade de Lugo e da súa provincia.
A xornada consistiu nunha ruta interpretativa polo contorno natural do centro universitario, situado nun enclave privilexiado dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño. A través dunha xincana, os participantes descubriron os segredos que agocha a natureza, así como a súa fauna e flora, mediante dinámicas lúdicas e educativas.
A actividade foi dirixida polos biólogos do proxecto, Paula Moure e Alejandro Rodríguez García, e contou tamén coa presenza da directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, que acompañou ao grupo durante toda a xornada.
Como peche da actividade, os participantes resumiron a súa experiencia mediante pequenos textos e debuxos, nos que destacaron os aspectos que máis lles chamaron a atención do percorrido.
Desde a UNED de Lugo valórase moi positivamente esta colaboración coa Cruz Vermella, que reforza o compromiso do centro coa inclusión, a educación ambiental e a conexión coa súa contorna.