Uxía Folgueira, recibida no Concello de Lugo tras lograr a prata no Europeo de Chipre

LugoXa
A karateka lucense da Escola Deportiva Shihan suma a prata continental en Chipre como integrante da Selección Española
alcalde-con-Uxía-Folgueira
21 Feb 2026

Uxía Folgueira foi recibida no Concello de Lugo despois de acadar hai escasos días a medalla de prata no Campionato Europeo disputado en Chipre, onde competiu na categoría cadete - júnior de kata formando parte da Selección Española de Karate. A nova subcampioa continental estivo acompañada neste acto polo alcalde, Miguel Fernández, e polo concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, que quixeron felicitala persoalmente polos resultados acadados.

O rexedor destacou que este éxito internacional se suma a unha tempada especialmente brillante, na que a deportista da Escola Deportiva Shihan tamén conseguiu dúas medallas na Youth League, a liga mundial destinada ás novas promesas do karate. Subliñou ademais que é un orgullo para a cidade que unha karateka do seu nivel leve o nome de Lugo a competicións de ámbito estatal, europeo e mundial, poñendo en valor o seu compromiso, o esforzo constante e a capacidade de superación.

Durante a recepción tamén se puxo o foco na importancia do club Shihan na súa traxectoria, xa que Uxía adestra nesta entidade desde os catro anos. Con apenas 14 anos, converteuse nun referente nacional na súa disciplina, é a única galega que logrou dúas medallas no Mundial de kata dentro da Youth League e proclamouse campioa en todas as categorías autonómicas nas que participou, tanto en kata como en kumite.

0.081437826156616