UXT Lugo inaugura un Punto Violeta para apoiar a mulleres vítimas de violencia machista

LugoXa
O espazo seguro ofrecerá información, acompañamento e sensibilización social, contando coa colaboración da Subdelegación do Goberno en Lugo
Punto-violeta-UGT-Lugo
12 Nov 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou o novo Punto Violeta da UGT Lugo, un espazo seguro destinado a proporcionar información, acompañamento e apoio ás mulleres vítimas de violencia machista, así como a fomentar a sensibilización social e a prevención de condutas violentas e discriminatorias contra as mulleres.

No acto participaron tamén a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller, Mª Luisa Castro; o secretario xeral da UGT Lugo, Ángel Tomé Roca; e a secretaria de Muller e Igualdade da UGT Galicia, Trinidad Campos Rodríguez.

Durante a presentación, Olimpia López subliñou que “a cooperación entre o Goberno e organizacións como UGT é fundamental para que a resposta institucional sexa real e próxima, para que as vítimas atopen axuda en espazos habituais e de confianza”. Engadiu que agradece “o compromiso do sindicato e das traballadoras e traballadores que se forman para prestar un servizo de atención e axuda de calidade”.

A iniciativa inclúe formación específica para o persoal das oficinas sindicais, que recibirán orientación sobre como actuar ante casos de violencia machista e converteranse en referentes para detectar, canalizar e acompañar situacións de risco. Cada Punto Violeta estará identificado cun código QR vinculado á Guía Punto Violeta, que recolle recursos institucionais, consellos prácticos e información sobre como actuar fronte á violencia de xénero.

⚙ Configurar cookies
0.069177150726318