Vaise acondicionar a ruta de sendeirismo dos Lagos de Teixeiro e a súa contorna

LugoXa
Os lagos de Teixeiro atópanse actualmente nun estado de abandono importante, nos que a maleza e a falta de seguridade son protagonistas.
area recreativa lagos teixeiro lugo
26 Dec 2023

A Consellería do Medio Rural investirá 64.200 euros no acondicionamento da ruta de sendeirismo e da contorna dos Lagos de Teixeiro con fins recreativos.

Explicouse que a intervención pretende darlle un novo pulo a este espazo de lecer en plena natureza, con rutas homologadas, un miradoiro e outros elementos que mellorarán a estética e a seguridade do percorrido.

O proxecto será executado pola empresa pública Seaga e afectará aos montes comunais de xestión pública de Teixeiro e Labio, ambos no municipio de Lugo. Propón un itinerario circular de 9.160 metros de lonxitude que transcorre polas beiras dos catros lagos, atravesa unha masa consolidada de frondosas autóctonas e accede aos outeiros de Monte Castelo e Pena da Ermida.

Existen dúas variantes como alternativas á principal, tamén circulares pero máis curtas e de menor dificultade; a primeira discorre entre dous lagos e mide 1.180 metros, e a segunda chega ao Alto da Chousa ao longo de 1.730 metros.

Os traballos inclúen a roza de matogueira na plataforma e nas beiras dos sendeiros e dos lagos; só nestes últimos limparanse máis de 22.700 metros cadrados. Ademais, vanse colocar dous pasos salvafoxos de seis metros de lonxitude cada un e cinco pontellas de madeira de piñeiro, de lonxitude aproximada de 2,50 e 1 metro de ancho e con varanda por ambos lados para salvar zonas de inundación do rego.

No alto de Monte Castelo disporase un miradoiro; está situado a 691 metros de altitude e ofrece vistas de parte de Lugo e dos concellos limítrofes. Instalarase un banco de  forma hexagonal con respaldo e con oco interior fabricado en madeira de piñeiro, unha varanda de seguridade e un atril informativo cos puntos de interese que se observan desde o lugar.

Coas actuacións de deseño e mellora da ruta preténdese acadar a súa homologación de acordo coa normativa galega de sendeiros. Para elo colocaranse balizas direccionais de madeira e carteis informativos. Tamén se lle dará publicidade e difusión mediante folletos e contidos web-QR para a incorporación en paneis e publicacións.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.180260181427