Vaise renovar o alumeado na contorna do Camiño Real e rúa do Freixo

LugoXa
O Concello de Lugo renovará o alumeado público na contorna do Camiño Real e rúa do Freixo. Substituirá un total de 48 luminarias
bng renovar alumeado camino real freixo lugo
8 Nov 2021

O Concello de Lugo vén de aprobar a renovación do alumeado das rúas Camiño Real e Freixo. O edil de Infraestruturas, Alexandre Penas explicou que "con esta intervención damos solución a unha demanda da veciñanza da zona, que reclamaba que se renovase o alumeado público das rúas nas que viven, ao mesmo tempo que continuamos a traballar na mellora de toda a rede pública de alumeado aplicando a perspectiva de xénero e reducindo o consumo eléctrico".

A concellería de Infraestruturas substituirá un total de 48 luminarias de vapor de sodio a alta presión, cun consumo de 150W por luminarias LED de 75W, o que suporá un aforro no consumo eléctrico do 50% con respecto á iluminación anterior, en total 3.6kW. Cada ano aforraranse 28.800 kWh, o que supón deixar de emitir 4,32 Tn de CO2. Ademais, "uniformarase o alumeado, ordenando os puntos de luz, creando unha zona de iluminación uniforme e non invasiva", segundo explicou Alexandre Penas.

O cableado do alumeado público nestas rúas tamén será renovado, soterrándoo para mellorar a seguridade da instalación, o que tamén facilitará o mantemento da rede de alumeado público, ao non verse afectado por outras instalacións como a de telecomunicacións. Esta renovación saíu a contratación cun orzamento base de 124.841,70€ e 3 meses de prazo de execución.

0.22460007667542