Valcarcel insta á Xunta a prorrogar a moratoria do eucalipto ante a regresión do piñeiro

LugoXa
A deputada do BNG denuncia que Galicia perdeu máis de 140.000 hectáreas de piñeirais en 15 anos e advirte que a falta de actuación está a agravar a situación dos serradoiros
BNG-O-Corgo-aserradoiros
4 Jul 2025

A parlamentaria do BNG, Montse Valcárcel, e a concelleira do BNG do Corgo, Pilar Bellón, mantiveron un encontro con representantes do sector dos aserradoiros para abordar a grave crise que atravesa o piñeiro en Galicia, unha especie que está en clara regresión e da que dependen directamente moitas empresas de transformación da madeira en concellos de todo o país.

A formación nacionalista esixe á Xunta que prorrogue a moratoria vixente sobre novas plantacións de eucalipto, que remata este ano, así como a posta en marcha inmediata de medidas fitosanitarias eficaces para combater as pragas que afectan ao piñeiro e o deseño de políticas para mitigar a perda desta especie e buscar alternativas viables ao Pinus radiata nas áreas máis afectadas.

Segundo os datos recollidos no Inventario Forestal Continuo de Galicia, nos últimos quince anos desapareceron máis de 140.000 hectáreas de piñeirais, a un ritmo de 9.300 hectáreas anuais. “Este ano a perda está a ser aínda maior, e a inacción da Xunta só contribúe a empeorar a situación”, advertiu Valcárcel, que defendeu na Comisión de Agricultura que o piñeiro ten un papel clave na multifuncionalidade dos montes galegos, máis alá do seu valor madeireiro. A súa presenza nos montes tamén é importante para o aproveitamento silvopastoral, a obtención de leña, a recolección de cogomelos, a produción de resina e o lecer nas contornas periurbanas e costeiras.

A escaseza actual de madeira de piñeiro compromete o futuro dos aserradoiros galegos, que procesan un 95% da súa materia prima a partir desta especie. O sector está composto por unhas 120 empresas, que xeran 7.400 empregos directos e transforman cada ano arredor de 3,5 millóns de metros cúbicos de madeira. En maio de 2025, un total de 66 serradoiros —que representan o 90% da transformación de piñeiro en Galicia— alertaron nun documento enviado ás consellerías de Medio Rural e Economía de que nun prazo máximo de entre 10 e 15 anos pode producirse un déficit crítico de piñeiro, poñendo en risco a continuidade da actividade.

Valcárcel sinalou que o avance do eucalipto e a propagación de pragas están a agravar o problema, citando entre outras a banda marrón no norte —provocada polo fungo Lecanosticta acicola— e o nemátodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) no sur, como responsables do deterioro das masas forestais. Por iso, reiterou a demanda de prorrogar a moratoria das plantacións de eucalipto e insistiu en que é o propio sector o que está a reclamalo para garantir a súa viabilidade.

A deputada do BNG destacou que a industria da madeira leva máis de 180 anos presente en Galicia, está fortemente ligada ao medio rural, impulsa o emprego feminino e contribúe ao relevo xeracional e á fixación de poboación. “O 95% dos concellos galegos contan con industria forestal, sendo unha actividade esencial nalgúns municipios como Alfoz, Coles, Piñor ou Sarreaus, onde representa máis da metade do emprego industrial”, apuntou.

Tras coñecer que o PP non apoiaría a iniciativa do BNG, Valcárcel acusou á Xunta de desatender reiteradamente os avisos dun sector que leva anos alertando da escaseza de recursos. “A única alternativa que se lles está a ofrecer é o eucalipto, cando é o propio sector o que pide frear a súa expansión”, subliñou. “Non existe unha aposta real polo piñeiro nin polos aserradoiros, que son o último elo dunha cadea que comeza no monte e remata no produto final. O piñeiro forma parte da identidade forestal galega, e permitir a súa desaparición sería un erro histórico”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.19075512886047