Valentín Formoso puxo en valor o papel da muller rural en Palas de Rei
Con motivo do Día da Muller Rural, o secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, xunto co secretario provincial do PSdeG de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé; puxo en valor o papel da muller nunha visita a Palas de Rei, onde afirmou que son o 24% dos traballadores autónomos e emprendedores do rural, pois o seu traballo “é esencial” para acadar a “soberanía alimentaria” ante a carestía dos prezos dos alimentos.
Na visita a Palas, foi ata a granxa A Cernada, en Palas de Rei, pertencente á cooperativa As Vacas da Ulloa, onde a súa promotora, Ana Corredoira, impulsou un novo modelo produtivo baseado na aposta polo ecolóxico, a sustentabilidade e o comercio de proximidade.
Entre outras cousas, Formoso propuxo nesta visita que se poña e marcha un Plan de Reequilibrio de Investimentos cara ao rural galego “dotado con recursos e non só con promesas baleiras e propaganda”, que garanta ademais a igualdade de oportunidades para as mulleres.
Foco no despoboamento rural
Ademais deste plan para que haxa un maior impulso no mundo rural, Formoso esixiulle á Xunta “que as escolas non pechen”, que se promova activamente o emprego e “que haxa boas conexións”, xa que entende que é necesario “que volva o transporte público ao mundo rural” porque para el parece que na visión do goberno galego “só teñen necesidade de servizos públicos a xente que vive nas cidades e nos entornos metropolitanos”.
O tamén alcalde das Pontes, sinalou que a falla de conexión ultrarrápida a Internet que sofren máis de 300.000 fogares do rural galego “lastra a súa competitividade, lastran as súas posibilidades familiares e ademais é un símbolo de discriminación”. Así mesmo, lembrou que na última década e media descendeu a poboación do ámbito rural en 108.000 persoas.
“Se queremos que a xente nova se quede no rural ten que ter uns servizos mínimos, en educación, en saúde pública e emprego”, alegou. É un dos retos que pon por diante ao PSdeG, xa que dende o punto de vista do seu secretario xeral, o candidato que saia das primarias porá en marcha un proxecto para solucionar os “moitos deberes por diante” que ten unha Galicia “que precisa unha inxección de moral, que debe aspirar a ser punta de lanza” e que para iso “necesita reter talento en todos os seus eidos”, especialmente na ciencia e no rural.
Pola súa banda, a gandeira da granxa A Cernada, Ana Corredoira, puxo en valor a importancia de “empezar a chamarlle ás cousas polo seu nome” e demandou accións para “acabar co abandono institucional, dun rural dun territorio que é maioritario e que segue sendo vital para manter a estrutura de vida que temos como sociedade”.
Do mesmo xeito, puxo sobre a mesa que “se temos un rural baleirado é porque temos un rural do que se expulsa á poboación” e que se queremos garantir e fixar poboación no rural necesitamos fixar actividade económica”. Apuntou que “aínda que as mulleres eguirmos liderando ese emprendemento que xera riqueza, que coida do territorio e xera un impacto positivo a nvel económico social e medioambiental” é necesario “traballar por reducir esas fendas, xeracional, socioeconómica, territorial, dixital que seguen limitando o noso desenvolvemento aquí”.
O secretario provincial do PSdeG de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé, puxo en valor a posición da provincia como principal produtora de leite e madeira de España, ao mesmo tempo que reclamou á Xunta que se poña a traballar para solucionar as eivas, principalmente no campo das comunicacións no que ten as competencias, que lastran o crecemento económico no rural.