Valentín Lago recolle en Pontevedra o premio Lois Peña Novo para a Deputación de Lugo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O galardón recoñece o uso do galego do servizo xurídico desta institución
premio-lois-pena-novo-deputacion
4 Jul 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este xoves á entrega do Premio Lois Peña Novo, que vén de recoñecer o uso do galego que fai a Asesoría Xurídica da institución provincial nas tarefas administrativas e legais que desenvolve. O acto tivo lugar no castelo de Soutomaior, na provincia de Pontevedra, e recolleu o recoñecemento en nome da Deputación, Valentín Lago González, xefe do servizo.

“É unha honra e tamén unha responsabilidade”, sinalou o mandatario provincial, “un estímulo para seguir apostando polo galego como lingua útil, precisa e digna en todos os ámbitos”. “O galego non está hoxe en igualdade de condicións, e incluso sofre un declive de uso, sobre todo entre a xente nova. E igual que desde as institucións deseñamos estratexias contra o reto demográfico, é a nosa obriga tamén artellar liñas de traballo para frear esta situación lingüística”, reflexionou.

Valorou Tomé Roca que “a nosa lingua e a nosa cultura son o capital máis importante que temos. Constitúen a nosa identidade como pobo, e non podemos baixar os brazos na súa defensa”.

O xurado do Lois Peña Novo salientou sobre a iniciativa da Asesoría Xurídica da Deputación que é "insólita e valente” por “impulsar unha galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública, unha aposta decidida pola lingua propia que se está a converter nun referente para outras administracións públicas, colexios profesionais e asociacións de letrados". Ademais, nesta edición tamén se premiou á comunicadora da TVG Esther Estévez e ao presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane.

⚙ Configurar cookies
0.15833282470703