Vandalizan un magnolio recentemente plantado na Praza do Ferrol de Lugo
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, denunciou a vandalización dun magnolio recentemente plantado no entorno da Praza do Ferrol, no marco das obras de peonalización e renaturalización deste espazo do centro histórico. Fernández condenou este acto sucedido e pediu á cidadanía respecto aos espazos públicos e civismo pois “o custo do vandalismo pagámolo entre todos, Lugo é a nosa cidade e debemos contribuír a coidar dela e non a estragala”, apuntou.
A árbore, que foi cortada, desaparecendo a parte superior e a copa, será reposta nos vindeiros días, según explicou o edil. Fernández apuntou que dentro deste proceso de renaturalización xa se levou a cabo a plantación de 11 magnolios –un a maiores dos previstos para substituír unha robinia que rompeu por mor dun temporal– no fondo da Praza do Ferrol, xunto ao centro médico, e en San Fernando, xunto á igrexa.
Ademais, avanzou que “nas vindeiras datas levarase a cabo a plantación de 8 bidueiros e tamén se están acondicionando tres parterres con céspede e distintas especies herbáceas decorativas e de porte pequeno”. O responsable de Transición Ecolóxica insistiu en apelar “á concienciación cidadá para evitar que no futuro se repitan situacións desta índole” e pediu colaboración “para detectar e evitar actos vandálicos”.