Vanse acometer obras de mantemento e mellora de camiños en Lodoso e na Airexe, en Monterroso
O Goberno local vén de adxudicar por importe de 79.298 euros o mantemento e mellora de dous camiños no Concello de Monterroso no marco do Plan de mellora de camiños de titularidade municipal 2023-2024 da Xunta de Galicia á empresa Construcciones y Obras Taboada e Ramos, S.L.U.
En concreto as obras van consistir na repavimentación das vías de titularidade municipal, actuando sobre as súas lonxitudes. Os accesos nos que se vai intervir atópanse bastante deteriorados coa presenza de grandes fochancas nas súas capas de rodadura, así como gretas xeneralizadas en toda a súa lonxitude.
PENELA.
A vía une diferentes pequenos núcleos de poboación ao longo de Penela, Lodoso e A Lucencia, pertencentes á parroquia de San Xoán de Lodoso, ata a intersección coa estrada LU-P3301 pertencente á Deputación de Lugo. Nesta vía realízanse labores de mantemento, xustificadas polo mal estado da capa de rodadura da pista. O bacheo realízase para tapar as oquedades existentes e o reasfaltado mellorará o tránsito da vía, así como a seguridade.
Trátase dunha actuación de mantemento na que se repón a capa de rodadura existente. Ademais, contémplase a realización dunha obra de drenaxe transversal de 4.50 m de longo para asegurar a boa drenaxe das cunetas existentes.
Tamén se colocarán dous sinais de STOP, unha na intersección co camiño procedente de Sestelo e outra na intersección coa estrada LU-P-3301.
AIREXE.
A vía comeza na aldea de Airexe que pertence á Parroquia de Santiago de Ligonde e o seu trazado chega á estrada LU-P-3301 pertencente á Deputación de Lugo.
Xustifícanse actuacións de reposición de firme motivadas polo mal estado da capa de rodadura. O reasfaltado mellorará o tránsito do vial, así como a seguridade.
Faranse labores de conservación cunha reposición da capa de rodadura existente.
Ademais procédese á colocación de dous sinais de STOP, unha na intersección coa estrada LUP-3301 e outra na intersección co Camiño de Santiago.