Varias asociacións sen ánimo de lucro utilizarán os locais do CEI-Nodus cedidos polo Concello

LugoXa
O colectivos Fadas, Aje, Aelu e Adis activarán programas que dinamicen o municipio
asociacions-de-lugo-no-cei-nodus
Representantes das asociacións cos membros do Goberno Local
19 Jul 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro coas directivas das asociacións e entidades sen ánimo de lucro lucenses ás que o Goberno Local cederá varios locais no CEI-Nodus municipal para que poidan desenvolver os seus programas, co obxectivo de contribuír á dinamización económica do municipio.

Para a cesión destes espazos –catro locais de uso individualizado, así como varias salas e aulas de uso polivalente– o Executivo de Paula Alvarellos abriu unha convocatoria pública, resultando adxudicatarias as seguintes entidades: a Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (FADAS); a Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE); a Asociación de Mulleres Empresarias (AELU); e a Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación (ADIS Lugo).

Alvarellos explicou aos seus respectivos representantes que “a finalidade desta iniciativa é facilitar a súa actividade e a posta en marcha de programas cos que dinamizar economicamente e poñer en valor o noso territorio”. “Amosamos así, unha vez máis, o noso apoio ao tecido asociativo lucense, fundamental para o desenvolvemento da cidade. O obxectivo do noso Goberno é apoiar o seu labor en prol da comunidade xa que o consideramos un motor social e económico estratéxico para o municipio”, sinalou a rexedora.

A través da cesión de uso destes espazos a concellería de Dinamización Económica busca, deste xeito, dar soporte ás entidades que levan a cabo proxectos de fomento, sensibilización, formación, información e asesoramento sobre a cultura emprendedora, a dinamización económica, o aproveitamento de recursos, a posta en valor do territorio, o fomento do emprendemento e a creación de emprego no municipio de Lugo.

Para o acceso a estes locais, as asociacións deberon acreditar unha experiencia mínima de 2 anos desenvolvendo programas ou actividades de fomento, dinamización e promoción económica dentro do termo municipal de Lugo. Así mesmo, xustificaron de maneira rigorosa a necesidade dun local por carecer dun espazo axeitado para o desenvolvemento do seu cometido e presentaron un programa con actividades de carácter continuo ao longo do ano.

Pola súa parte, Mauricio Repetto apuntou que “para a adxudicación dos locais levouse a cabo unha avaliación técnica na que se tiveron en conta, entre outros, os seguintes aspectos: a calidade do programa ou proxecto; a experiencia e implantación en Lugo da entidade solicitante; ou o impacto local e visibilidade da entidade solicitante”.

Finalmente, o concelleiro explicou que a autorización de uso terá unha duración inicial dun ano, contado dende a aceptación das condicións de utilización por parte da entidade beneficiaria e poderá prorrogarse ata un máximo de tres anos, incluído o primeiro.

0.169184923172