Veciñanza de Cervantes volveu concentrarse para reclamar a cobertura inmediata das prazas médicas vacantes

LugoXa
O BNG apoia a mobilización ante a persistente falta de profesionais sanitarios e o risco de que o servizo quede practicamente sen atención estable
concentración-sanidade-Cervantes
19 Feb 2026

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, participou nunha nova concentración en San Román, acompañando á veciñanza para denunciar a grave situación sanitaria que sofre o concello de Cervantes e reclamar a cobertura inmediata das prazas médicas vacantes.

Hai quince días, as veciñas e veciños de Cervantes souberon que unha das dúas prazas médicas do centro de saúde de San Román quedara vacante, sen que a Consellaría de Sanidade mostrase intención de cubrila, mantendo a prestación do servizo únicamente de maneira eventual, o que supón un novo recorte na atención sanitaria básica.

A situación complícase debido a que a vacante no consultorio de Doiras, existente desde 2024, continúa sen cubrir malia os reiterados anuncios e promesas da Xunta de Galiza. Así, Cervantes pasou de ter tres prazas médicas cubertas a contar só cunha activa e dúas vacantes.

Pola súa banda, a veciñanza decidiu continuar coas concentracións e volverá reunirse diante do centro de saúde de San Román o próximo cinco de marzo.

Montse Valcárcel advertiu da gravidade do escenario: “Quince días despois seguimos na mesma situación e parece que á Xunta de Galiza o concello de Cervantes non lle importa”.

A deputada nacionalista destacou que se trata dun concello moi envellecido e cunha poboación dispersa, e subliñou que, pese ás declaracións da Xunta sobre o apoio ao rural, a realidade demostra o pouco interese pola situación en Cervantes.

Valcárcel alertou ademais de que o panorama podería empeorar se a profesional que actualmente ocupa a única praza activa decide xubilarse, deixando ao concello practicamente sen atención médica estable. “Á veciñanza de Cervantes ten claro que necesita unha solución inmediata e que a Xunta de Galiza non lla está a proporcionar”, explicou.

“Dende o BNG continuaremos apoiando á veciñanza nas súas reclamacións, que son dereitos básicos e que non se poden ignorar”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.084713220596313