Veciñanza do Sagrado Corazón e As Gándaras impulsa unha recollida de sinaturas

Veciños e veciñas dos barrios do Sagrado Corazón e As Gándaras veñen de activar unha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org dirixida á Xunta de Galicia e ao Concello de Lugo para amosar o seu rexeitamento ao proxecto urbanístico previsto na zona. Segundo denuncian, a administración autonómica pretende desenvolver, ao abeiro da figura de Proxecto de Interese Autonómico, unha actuación que contempla a construción de 1.265 vivendas repartidas en 22 edificios nun ámbito de 12 hectáreas.
A veciñanza advirte de que esta iniciativa suporía a chegada de máis de 4.000 novos residentes a unha contorna que actualmente conserva un carácter semiurbano. Ao seu xuízo, isto implicaría unha masificación “insostible”, duplicando a densidade da área nun curto período de tempo e transformando unha zona periférica e tranquila nun espazo altamente saturado.
Outro dos argumentos expostos pola plataforma cidadá é a alteración do modelo tradicional de barrio. Sagrado Corazón e As Gándaras, sinalan, mantiveron historicamente un equilibrio entre espazos urbanos e naturais que se vería quebrado pola construción de bloques de seis alturas máis ático, é dicir, sete plantas. Consideran que estas edificacións modificarían de maneira irreversible a paisaxe e o espírito da zona.
Tamén alertan dun posible colapso dos servizos e infraestruturas. Segundo indican, as rúas xa presentan problemas de tráfico e deficiencias no firme, mentres que o centro de saúde sofre carencias estruturais. Ao seu entender, levantar centos de vivendas sen garantir previamente dotacións axeitadas para a poboación actual supón unha decisión política irresponsable.
A plataforma critica ademais que o proxecto fose concibido “desde os despachos de Santiago”, sen contar coa realidade específica de Lugo nin coa participación directa da veciñanza. Na súa opinión, trátase dunha operación urbanística que, baixo o argumento da vivenda protexida, aposta por unha elevada densidade edificatoria que non prioriza as necesidades sociais do barrio.
Por todo isto, os promotores da campaña esixen a paralización inmediata do Proxecto de Interese Autonómico nos termos actuais, a apertura dun proceso de diálogo real coa plataforma veciñal e coa asociación Gatos Roxos, así como a elaboración dun modelo urbanístico sostible baseado en construcións de menor densidade, respectuosas coa contorna e dotadas de zonas verdes e servizos públicos suficientes. A veciñanza subliña que o barrio non é só solo residencial, senón un espazo habitado por familias que reclaman ser escoitadas no deseño do seu futuro.