Veciños da parroquia de Guillar, en Outeiro de Rei, denuncian unha zona chea de lixo

LugoXa | TerraChaXa
Por isto, demandan ao Concello de Outeiro de Rei "medidas para facer fronte a esta situación"
lixo-acumulado-na-parroquia-de-Guillar-en-Outeiro-de-Rei
3 Out 2024

A veciñanza da parroquia de San Martín de Guillar, en Outeiro de Rei, denuncia a situación na que se atopa a zona dedicada ao depósito de lixo, concretamente ao fondo da Urbanización O Salete.

Este punto de recollida de lixo conta con dous contedores marróns para material orgánico, dous amarelos de plástico e dous verdes, para todo tipo de refugallo. Porén, desde hai meses vense de acumular unha cantidade de lixo ao redor destes contedores e incluso chegan ata a vía por onde os veciños e veciñas acceden ás súas vivendas, así como chegan ata o bosque que se atopa detrás.

Por iso, varios veciños apuntan ao "mal comportamento dalgúns veciños ou dos traballadores da zona", xa que hai diversas empresas que levan a cabo a súa actividade nas inmediacións destas vivendas.

Din que "é unha vergonza que os contedores estean baleiros, pero vexamos como está a beirarrúa e a estrada chea de lixo sen recoller, e o que é peor, que ese lixo afecta ao parque onde xogan nenos e pasean cans, onde hai cristais rotos, e tamén afecta á estrada por onde ás veces para poder chegar ás nosas casas hai que apartar obstáculos".

Con todo, a veciñanza defende que máis de cen familias viven ao redor desta zona que os veciños utilizan para pasear, xa que conecta varias zonas verdes e "é un perigo se tes un fillo, unha persoa maior ao teu cargo ou unha mascota, porque podes pisar un cristal, tropezar ou contaminarte co cheiro", denuncian.

Por isto, demandan ao Concello de Outeiro de Rei "medidas para facer fronte a esta situación", tanto na recollida dese lixo acumulado, como tamén algúns apuntan á instalación de cámaras para "vixiar e sanciar aquelas persoas que non teñen respecto polos demais", conclúen.

0.19850492477417