Veciños da zona rural de Lugo e PP reclaman que o Concello axilice proxectos en 12 parroquias
O Grupo Municipal do PP mantivo un encontro de traballo coa veciñanza de Teixeiro, San Pedro de Mera, Soñar, Ribas de Miño, Pías, Muxa, Santa Eulalia de Bóveda e Crecente, Bazar, Torible, O Burgo, Santa María de Bóveda para analizar a situación de varias obras nestas parroquias.
As actuacións supoñen un investimento duns 178.000 euros e permitirán recuperar elementos etnográficos, como fontes e lavadoiros, tamén suporá intervencións de eficiencia enerxética nos locais veciñais ou a creación de parques infantís.
Deste tema falarase no vindeiro pleno onde o PP defenderá un rogo, no que reclama celeridade para que estas obras se poidan levar a cabo e que a veciñanza goce delas á maior brevidade posible. Dende o Grupo Popular apoian á reivindicación das 12 parroquias xa que, no caso dos elementos etnográficos, as obras axudarían a preservar a identidade cultural da zona ademais de servir como reclamo turístico para os interesados en coñecer a historia das nosas parroquias.
Con respecto ás actuacións nos locais sociais é importante renovar espazos que precisaban de intervencións para proporcionar un lugar para as actividades máis cómodo e seguro. Veciños e PP acusan ao Goberno local de bloquear ata 12 proxectos da Xunta na zona rural.