Veciños de Cervantes reclaman a apertura do centro de Doiras ao paso de La Vuelta
Veciños de Cervantes expresan, no paso de La Vuelta polo concello, o seu malestar pola situación da súa sanidade, pola redución do servizo no consultorio de Doiras e demandan atención médica. A comezos de xullo, Sanidade anunciou a reapertura do consultorio para o mes de agosto, prometendo retomar o servizo de enfermería. Porén, a realidade para a veciñanza non mellorou como se esperaba.
O consultorio, que anteriormente prestaba asistencia sanitaria de luns a venres, agora só ofrece atención de enfermería dous días á semana, os martes e venres pola mañá, o que resulta insuficiente para cubrir as necesidades da poboación local. Antes desta redución, o centro de saúde atendía a un total de 238 persoas, maioritariamente maiores de 65 anos, que agora se ven obrigadas a desprazarse ata o centro médico de San Román, a 18 quilómetros de distancia.
Este desprazamento, que pode durar ata 40 minutos debido á complicada orografía do concello, non sempre garante a asistencia médica, xa que o centro de San Román tamén se queda sen médico en ocasións. Esta situación, segundo denuncian os veciños, vulnera os dereitos fundamentais da poboación, que se ve cada vez máis afastada dun acceso adecuado á sanidade pública. A falta de transporte público agrava aínda máis a situación, especialmente para os maiores que non teñen medios propios para desprazarse.
A consecuencia directa é unha crecente desigualdade na atención sanitaria entre a poboación rural e urbana, afectando gravemente á calidade do servizo no conxunto do concello de Cervantes. A veciñanza manifestou o seu rexeitamento durante o paso da proba ciclista polo municipio, reclamando o peche do centro de saúde e esixindo que a Xunta cubra a praza de médico vacante. Deste xeito, seguen mobilizándose para reclamar unha solución que respecte o seu dereito a unha sanidade pública digna e accesible. En concreto, asinan este movemento a Asociación cultural xuvenil A Cambela, ANPA CPI Cervantes, Os Xardois, BNG, PSdeG-PSOE, Rente ao Couce, Son de Cores, Casa Quindós, CDR Ancares, Teitos do Piornedo, FADEMUR, Asociación de mulleres rurais Ledicia e A.C. O Teixeiro