Veciños de Coeses e o BNG esixen á Xunta a retirada do apoio á planta de biometano
Preto de 60 veciñas e veciños afectados polo proxecto da planta de biometano en Coeses, en Lugo, acudiron ao Parlamento de Galicia para mostrar o seu rexeitamento á iniciativa.
A deputada do BNG, Montse Valcárcel, trasladou a súa preocupación ao Goberno galego, preguntando se a Xunta retirará a declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria outorgada a este proxecto.
O BNG insiste en que a Xunta debe revogar esta declaración, que permite axilizar os trámites administrativos para a construción da planta. "Desde a publicación do proxecto e a apertura do período de alegacións, a cidadanía dos núcleos máis próximos está a mobilizarse debido ao grave impacto que tería a posíbel construción da planta nos seus fogares", afirmou Valcárcel. Ademais, subliñou que se trata dunha "actividade potencialmente contaminante e con malos cheiros recoñecidos no propio proxecto, situada a escasa distancia das vivendas".
O proxecto presentado pola empresa promotora recoñece expresamente a emisión de gases contaminantes e o verquido de 76,7 metros cúbicos de augas residuais ao regato de Vilalbite, un afluente do río Miño.
A deputada nacionalista denunciou que "distintos informes técnicos cuestionan a seguridade ambiental da planta, debido á gran cantidade de auga que precisaría captar e á deficiencia no control de cheiros". Nese sentido, Valcárcel destacou que "a falta de garantías tamén foi sinalada no informe provisional da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que emitiu unha avaliación desfavorable sobre o proxecto debido á insuficiencia no tratamento e evacuación das augas residuais".
A parlamentaria do BNG tamén alertou sobre a intención da empresa de solicitar financiamento para a planta con fondos europeos, malia os posíbeis efectos negativos para o medio ambiente e a poboación. Por iso, esixiu á Xunta que rectifique e anule a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico para esta planta, que afectaría non só a Coeses, senón a toda a cidade de Lugo.
PROBLEMÁTICA
Valcárcel trasladou as inquedanzas da cidadanía de Coeses e doutras parroquias afectadas como Cuíña, Soñar, Piugos, Santa Compa, Nadela e Conturiz, lembrando que a Unión Europea establece unha distancia mínima de 1,5 km para este tipo de instalacións, mentres que expertos recomendan máis de 3 km, moi por riba dos menos de 500 metros que separan a planta das vivendas.
A deputada criticou que a Xunta concedese á empresa Bioenerxía Lugo a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) xustificando razóns de interese público, o que permitiu a súa ubicación en solo forestal e a redución dos trámites autonómicos. "E todo isto, por tan só cinco postos de traballo, cando a DIA esixe un mínimo de 25", denunciou.
Segundo a empresa promotora, a planta procesaría 53.000 toneladas anuais de residuos orgánicos procedentes de matadoiros e industrias de carne, peixe e leite, emitindo cheiros as 24 horas do día e vertendo 100 m³ de augas residuais diarias ao río Miño. Valcárcel alertou sobre os riscos dunha instalación de tal magnitude, que requiriría unha achega constante de residuos e provocaría un tráfico continuo de camións preto das vivendas. Ademais, advertiu sobre "os maiores riscos en caso de escape de emisións ou incendios".
No debate parlamentario, Valcárcel subliñou que "existen instalacións de biogás razoábeis, como aquelas de menor tamaño destinadas a procesar residuos de explotacións agrícolas e gandeiras locais", contrastándoas co proxecto de Coeses, que considera "desproporcionado e mal situado".
Por último, a deputada sinalou que Lugo sofre un grave problema de despoboamento, polo que situar a planta en solo industrial "non parece unha tarefa difícil". Reiterou a petición do BNG para que a Xunta rectifique a súa decisión, lembrando que a cidadanía de Lugo, que leva meses mobilizándose contra o proxecto, teme pola súa saúde e o valor das súas vivendas. "Vai a Xunta indemnizar ás familias cuxas casas perdan o seu valor?", concluíu.