Veciños de Coeses reclaman ao Concello un trámite que se pediu fai un ano
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Coeses reclama ao Concello de Lugo a súa intervención para a reparcelación de dúas fincas, unha actuación que se pediu por escrito fai un ano.
Segundo indican, o 14 de xuño de 2022 presentou mediante rexistro electrónico ante o Concello de Lugo unha petición de reparcelación de dúas fincas e así poder cumprir cos metros cadrados mínimos necesarios para poder construír un novo cemiterio na parroquia. Pois a lei esixe unha única parcela con máis de 10.000 metros cadrados para a construción do mesmo.
"Todos os membros desta Comunidade facémonos cargo e somos coñecedores de que o Concello de Lugo é unha administración que ten que xestionar as necesidades de case 100.000 veciños que vivimos en Lugo, pero tendo presentada a petición ante dita administración o 14 de xuño de 2022 consideramos que é un tempo máis que suficiente para dar resposta á nosa petición", indican.
Polo tanto, piden ao Concello que nos dea unha resposta á petición de segregación de dúas parcelas no lugar de Portanova, na parroquia de Coeses, "para así poder cumprir cos requisitos necesarios para un novo cemiterio".
"Non queremos xerar ningún tipo de polémica nin confrontación co Concello de Lugo, unicamente pedimos unha resposta á petición de licenza para a reparcelación de dúas fincas para poder desenvolver un proxecto necesario para a parroquia e polo que están preocupados numerosos veciños", engaden.