Veciños de Conturiz: “Compensa o traballo porque a xente queda moi contenta co que lle propoñemos”

LugoXa
A asociación leva máis de dúas décadas dinamizando a oferta cultural da zona con xuntanzas polo San Xoán ou o Entroido, viaxes, obradoiros ou charlas médicas
vecinos_conturiz
A asociación de veciños durante unha viaxe
16 Xuño 2024

Lucía Blanco

Integrar á veciñanza e dinamizar a oferta cultural da zona. Con estes obxectivos mantense a Asociación de Veciños de Conturiz, fundada na década dos 90 e que aposta por seguir dando vida á parroquia grazas a súa intensa actividade. As xuntanzas polo San Xoán, polo magosto, polo Entroido e polo San Froilán protagonizan o calendario deste colectivo para o que as excursións son unha das súas grandes apostas.

“Organizamos como mínimo de dúas a tres por ano. De feito, estamos traballando na vindeira que será a comezos deste mes de xuño e intentaremos facer outra de fin de semana, de marchar sábado pola mañá e vir domingo pola noite. A última foi en Asturias e queremos volver por Portugal”, conta Lucho, o secretario. Os obradoiros de defensa persoal, mecanografía, cestaría, cociña ou baile completan o seu programa no que tampouco faltan as charlas médicas.

Trátase dunha serie de propostas abertas nas que xa participaron Carlos González, xefe do servizo de Cardioloxía do HULA; o urólogo Neira Pampín e a oncóloga Begoña Campos, entre outros. “A resposta dos veciños en liñas xerais é moi boa, nestas charlas estamos xuntando por riba das 100 persoas porque vén xente de fóra”. Aínda que os coloquios cos profesionais son de balde, eles apostan por fixar nas súas actividades prezos asequibles para todos os petos. “Tampouco nos gusta facer as cousas gratis de todo porque o que nada costa nada vale, non lle das aprecio. Non as organizamos co obxectivo de lucrarnos, senón intentando que non nos custe moitos cartos porque hai que darse conta do sacrificio que supón para a xente”.

Obradoiros para os maiores

Para levar a cabo as súas propostas apóianse nas cotas dos asociados, que non cobraron durante a pandemia, e que completan con ingresos extra como a venda de lotaría. “Temos un sistema de participación por casa e logo temos socios que son amigos que non viven aquí pero que participan moito e mesmo xente da zona da montaña, sobre todo polo tema das excursións”. Aínda que aseguran que se tiveran maior apoio económico mellorarían o seu local social e impulsarían máis talleres.

“Miraríamos de ter unha pantalla para poder proxectar contidos e organizaríamos algún obradoiro no que puidésemos aportar o material para que ninguén tivese que compralo”. Ademais, tamén fomentarían obradoiros para as persoas maiores. “Seguramente fariamos algún taller ocupacional para que, aínda que tiveses que financiarlles algunha parte, tiveran un par de horas a semana algunha actividade que lles supoña ter a mente activa.

Xestionar o seu labor como parte da asociación non resulta doado. “A xente axúdanos e non botamos contas do que nós supón organizar todo iso. Por exemplo, cando fixemos o Camiño por etapas encargueime de facer o listado de lugares, de buscar sitios para comer e de contratar o autobús para que chegado o día pasemos lista e nos aseguremos de que está todo o mundo”. Pero as horas de dedicación pagan a pena: “Compensa porque os veciños son moi agradecidos e quedan moi contentos co que lle propoñemos”.

0.10679316520691