Veciños de Lugo non descartan a vía xudicial para impedir a planta de Coeses

LugoXa
A Federación Veciñal manifesta o seu total apoio aos veciños das parroquias afectadas pola planta proxectada en Coeses
reunión_veciños_planta_coeses
reunión_veciños_planta_coeses
4 Xul 2024

A Federación Veciñal manifesta o seu total apoio aos veciños das parroquias afectadas pola planta proxectada en Coeses e asegura que loitarán de forma conxunta para que non se instale. Así o trasladan tras a reunión entre representantes da Comisión Permanente da Federación Veciñal, das parroquias e das asociacións afectadas (Cuiña, Piugos, Ribas de Miño) no local da Federación de AA.VV. de Lugo.

Deste xeito, trataron distintas liñas de actuación, que se irán formalizando nos próximos días. Non descartan a vía xudicial. Neste sentido, buscarán “todas as físgoas legais para defender os intereses dos veciños de Lugo e que non teñan que sufrir as graves consecuencias que supoñería a instalación desta planta  coma cheiros, problemas con acuíferos, problemas medio ambientais, de saúde ou depreciación das propiedades dos veciños”.

Tamén tratarán de concienciar á poboación de Lugo de que este non é un problema exclusivo das parroquias afectadas, “senón que afecta a toda a cidade e especialmente aos barrios do sur da cidade como Augas Férreas ou Fingoi. Apoiaranse así nunha campaña con charlas, buzoneo e carteis. Ademais, solicitan de forma sincronizada entrevistas coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, coa alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos e co tenente de alcalde Rubén Arroxo para pedir que cada unha das administracións clarifique publicamente a súa postura.

Dende a federación apoian o proceso de presentación de alegacións ao proxecto, que remata o día 10, e instan aos veciños de Lugo que queiran presentar alegacións que o fagan contactando coas asociacións ou organizacións que están implicadas no tema. Despois do verán convocarán manifestacións e medidas de presión para conseguir o obxectivo de que non se instale aplanta e mantéñense abertos a que calquera colectivo que queira manifestar o seu apoio o faga publicamente a través dos medios de comunicación.

 

0.11801600456238