Os veciños de Nadela contra o peche do seu centro de saúde: “Avísannos o mesmo día se temos médico”
Lucía Blanco
O mes de setembro implica a volta ao traballo, aos estudos e, para os veciños de Nadela, a incertidume sobre a apertura do seu centro de saúde, que leva máis de dous meses pechado e que atende a máis de 700 persoas. “Xa levamos varios anos nos que non temos médicos no verán e no inverno este último ano a atención era escasa, igual tiñamos o servizo uns 2-3 días a semana”, explica Beatriz Jato, portavoz da plataforma en defensa deste consultorio.
Iso sería según a teoría, porque na práctica a situación cambia lixeiramente. “O resto do ano supostamente temos médico 3 días á semana, pero é que xa non sabemos que 3 días temos. Moitas veces igual só temos 2 ou se coincide cun festivo igual só 1 e mesmo avisan o propio día”. Esta veciña explica que é bastante frecuente que os pacientes se despracen ata o centro, onde se atopan coa sorpresa de que están sen servizo. “Ten pasado que vas e encóntraste unha nota indicando que pechan porque non os poden atender e a xente alí esperando. Moitos maiores non miran a aplicación e non viven ao lado, van andando ata o consultorio e encóntrano pechado. Tamén pasa que chaman aos pacientes que tiñan cita o propio día para dicirlles que vaian para Lugo porque non hai médico”.
As previsións son que se retomen as consultas, como vén sendo habitual, nestas semanas. “Dinnos que abrirá en setembro pero o ano pasado tardou tempo dende que o anunciaron, uns 15 días máis ou menos”. Mentres derívanos a Fingoi. “Alí xa son moitos, entón pides vez e igual tes que esperar unha semana para que te atendan e moitas veces acabas por ir a urxencias”. Ademais dos retrasos nas citas e da saturación na atención, non prestar o servizo neste núcleo implica desprazamentos, en moitos casos, para persoas maiores e con problemas de mobilidade, tal e como explica outro dos usuarios habituais.
“Fan que persoas independentes acaban sendo dependentes. Eu teño 2 persoas maiores ao meu cargo que poden ir e vir andando ao centro de saúde perfectamente, pero ao pechalo e ter que ir a Lugo xa necesitan que alguén os leve, tirar do servizo de bus que tamén é o que é ou pedir un taxi”. Para este lucense este período sen atención primaria na parroquia tradúcese en “ter que pedir no traballo para que eles poidan ir ao médico”. Ademais, Jato denuncia o feito de que non conten cun médico fixo. “O que tiñamos ten a súa praza en Outeiro e el estaba encantado de vir para aquí máis tempo pero o problema é que non sacan a praza, está sen cubrir e non ten pinta de que iso cambie”.
Esa falta de continuidade na relación entre o facultativo e o paciente acaba facéndose notar nas consultas. “Hai xente maior con patoloxías que precisa un seguimento e toma unha medicación determinada e igual lle van cambiando o que toma e non poden ter un seguimento continuado como necesitan”, explica Beatriz. Despois de anos sufrindo esta problemática que empeora na época estival, o que máis temen é o peche definitivo do seu consultorio. “Nós o que cremos que están facendo, porque é o que están facendo con outros centros como pode ser o de Castro, é dar un servizo mínimo para que a xente se canse. De feitos moitos, xa cansaron e marcharon para Fingoi porque prefiren ter un médico fixo”.
Un milleiro de sinaturas
A situación xa se fai notar no número de pacientes que ten asignado o centro. “Atendía a unhas 900 persoas e xa imos en 700. Baixou moito porque se non tes un servizo mínimo non merece a pena e moita xente vaise. Nós cando queremos pedir vez en Fingoi temos que pedila dende Nadela e dannos unhas horas determinadas”. Por iso, non descartan continuar facendo mobilizacións ou actos simbólicos para denunciar o abandono no que se encontran, que se sumaría ao preto de mil sinaturas que entregaron na Delegación Provincial da Xunta de Galicia de Lugo.
“O ano pasado dixéronnos que non se ía a pechar e que se ía atopar unha solución, pero non foi así. Tamén fixeron unha reunión pero non foi con todos os veciños e a cousa segue igual e non dan unha explicación”. Polo momento, van esperar a ver que sucede neste mes de setembro para decidir os pasos seguir. “Teremos que continuar protestando porque isto é a crónica dunha morte anunciada. Cada vez pechan máis, ao principio só pechaban un mes, agora xa son dous. Antes tiñamos médico todos os días ata que se retirou Bernardino e foi cando perdemos o servizo completamente”, lembra Beatriz.
Pero teñen claro que non a parar de loitar pola defensa da súa sanidade. “O que pedimos é poder ter un médico que nos atenda todos os días, porque nós non eliximos cando nos poñemos enfermos, ou que polo menos se manteñan os 3 días de servizo. E que contemos cun médico fixo, que non teñamos que estar explicando cada vez que imos as nosas patoloxías”.