Veciños de Nadela denuncian un grao de contaminación "inadmisible" e esixen medidas urxentes

LugoXa
Os veciños reclaman a instalación inmediata dun novo medidor de calidade do aire, "situado nunha localización estratéxica que permita máis control da contaminación"
manifestacion-tableros-hispanos-nadela-contaminacion
20 Apr 2025

A veciñanza da zona de Nadela vén de facer pública a súa fonda preocupación pola "grave e continuada contaminación ambiental" xerada pola fábrica de Tableros Hispanos.

A pesar da recente instalación dun medidor de calidade do aire, consideran que “esta medida resulta claramente insuficiente, xa que o dispositivo actual non cobre todas as áreas afectadas polas emisións e non permite avaliar con precisión o seu impacto real”. Segundo denuncian os veciños, as medicións rexistradas ata o momento resultan alarmantes e confirman o que levan tempo advertindo: “os niveis de contaminación seguen a ser inadmisibles”.

Ademais, aseguran que non se ten observado ningunha mellora desde o comezo das protestas veciñais. A maiores, sinalan que a empresa Tableros Hispanos pretende solicitar unha prórroga para executar as obras necesarias de adaptación. Porén, a veciñanza considera totalmente inaceptable calquera tipo de demora adicional e insiste en que non están dispostos a seguir agardando mentres continúan expostos a emisións contaminantes que afectan á súa saúde e á calidade de vida.

Desde hai tempo, veñen sufrindo as consecuencias do fume e das emisións industriais sen que, ao seu xuízo, se teñan producido respostas efectivas por parte da empresa nin das administracións. Aínda que existe un compromiso de reducir as emisións, a veciñanza considera “imprescindible que se actúe con urxencia e firmeza, pois cada día que pasa sen solucións reais supón un novo prexuízo para a poboación afectada”.

Por todo isto, os veciños reclaman a instalación inmediata dun novo medidor de calidade do aire, "situado nunha localización estratéxica que permita un control máis representativo e eficaz da contaminación na zona, así como a aceleración dos prazos para a posta en marcha das modificacións industriais necesarias por parte da empresa, sen máis escusas nin demoras”.

A veciñanza de Nadela insiste en que merece vivir nun contorno saudable, libre de ameazas ambientais, e lembra que “é responsabilidade da Xunta de Galicia garantir ese dereito e actuar coa celeridade e contundencia que a situación require”.

⚙ Configurar cookies
0.17375802993774