Veciños de Ombreiro: “As asociacións son do máis importante que temos nas aldeas”
Lucía Blanco
En Ombreiro poden presumir de manter viva unha das asociacións de veciños con máis historia de toda a cidade. “Somos das máis antigas de Lugo levamos dende o 88”, conta Manuel Luís, un dos fundadores e presidente dende hai xa 9 anos. “Eu metinme pola familia, fíxeno por meus pais que xa faleceron como lles pasou a moitos, porque penso que as asociación son das cousas máis importantes que temos nas aldeas”.
Unha centena de membros, aínda que eles contan por casas e non por socios, asegura o futuro deste colectivo. “Contamos cunhas 29 casas e supoñen unhas 4-5 persoas por cada unha delas, entón somos bastantes”. Unha reunión en febreiro marca o inicio da súa actividade, que se mantén ao longo dos meses. “Empezamos co Entroido, cunha festa e unha comida na que xuntamos a unhas 100 persoas. Despois en abril montamos un campionato de tute e poxa no que contamos con bastante participación. Durou case un mes e medio e o colofón final foi unha comida, o San Euleuteiro, onde reunimos a todos os participantes e entregamos os premios”.
Outras citas, como o Lume Novo, o San Martiño, o seu patrón e o San Roque, que se fai na finca da asociación, acaban por completar as propostas na parroquia. “O terreo son 20.000 metros cadrados de titularidade da Xunta, pero estamos intentando pechalo porque nolo cederon durante 75 anos. Alí se quixera o Concello podería facer actuacións importantes”. As viaxes, que organizan dende que o colectivo botou a andar, tamén se encontran entre as citas habituais.
“Desde o principio eramos os encargados de organizalas. En abril, fixemos unha viaxe de tipo cultural de dous días a Oporto. Fomos unhas 45 persoas e visitamos, por exemplo, as bodegas e o río Douro cun guía. En xullo fomos á Costa da Morte tamén co obxectivo de pasar un día todos xuntos e en setembro achegámonos ás Rías Baixas”. Programar estas actividades non resulta doado para a directiva formada por 11 veciños. “É un gran traballo, eu fíxeno por meus pais, pero a xente foi marchando. Quedamos uns cantos e tamén cansa, porque tes que estar continuamente pedindo subvencións, co papeleo e organizando todo”.
Demandas veciñais
O esforzo queda reflectido precisamente no seu local social que eles mesmos fixeron. “Levamos gastado preto de 300.000 euros. E fixémolo a xente do pobo, evidentemente con axudas, pero encargámonos nós de todo”. Xunto co labor cultural, dende a asociación intentan xuntar as demandas colectivas e propoñer melloras, como pode ser o servizo de transporte público. “Estamos a 7 quilómetros da centro da cidade. É incrible que siga habendo buses para aló de Ramil pero, aínda que dende Ramil a Ombreiro hai 4 quilómetros, non son capaces de facer que baixe un autobús. Unha empresa cubre a liña unha vez ao día, pero tes que estar pendente e se non che coincide a hora non tes que facer”.
O abastecemento tamén ocupa as súas reivindicacións. “Levaron a auga a Adai, que está a 1 quilómetro e medio, e nós que somos 210 veciños estamos cansos de pedilo”. En canto á seguridade, demandan arranxos nos seus 30 quilómetros de pistas e piden unha senda para os peóns na estrada do Vilardón “Non pedimos unha beirarrúa, senón un camiño para vir de Ramil andando ata Ombreiro. É súper perigoso, tanto por unha man como pola outra, porque tes que ir por onde pasan os coches”.
Tampouco se esquecen do coidado dos ríos e das dúas pontes que atravesan o lugar. “A do Narla, que vai para Seivane e Aspai, leva un ano e medio cortada e seguimos facendo protestas. A do Miño cada vez que hai riada trae os árbores e tamén pedimos que se limpe, aínda que se meteu a Confederación e parece que mellora a situación. Ademais, estamos á beira do río, onde se podería facer algo espectacular”. Mentres continúan demandando melloras para o pobo, van seguir dinamizando a vida cultural e fomentando as unións neste núcleo, unhas tarefas para as que precisan a axuda de todos os veciños. “Intentaremos seguir facendo actividades, pero o importante seria de ter a colaboración de todo o mundo”.