Veciños de Orbazai: “As xuntanzas son un motivo para vernos porque somos unha parroquia moi dinámica”
Lucía Blanco
A Asociación de Veciños de Orbazai conta con máis de tres décadas de historia. “Fundouse no 1993, pero os que estamos na directiva levamos pouco. Facemos un pouco de todo, xestionamos os cursos que nos dá o Concello, somos quen organiza, quen abre a casa da escola e quen fai a difusión deles e tamén recollemos as queixas dos veciños e axudamos en todo”, contan. Actualmente son 306 membros neste colectivo, “porque para ser socios teñen que ter algún vínculo coa parroquia, ter familia, un terreo ou vivir aquí”.
Como citas fixas apostan polo Entroido, o Magosto, o xantar popular, unha excursión anual e o San Xoán. “E despois o que xorda, ímonos adaptando. Por exemplo, o ano pasado tivemos a presentación do libro das construción tradicionais na parroquia de Orbazai. Fixemos un acto moi bonito no que tamén actuaron Airiños de Orbazai”. A gran participación dos veciños mantense como unha constante en cada unha das súas propostas. “Agora mesmo a que menos ten son sobre 100 persoas. A organización non é fácil e iso que hoxe temos redes e a difusión é máis sinxela, entendemos que fai anos aínda era máis complicado”.
Pero se hai unha celebración que non se perdoa na parroquia é a da noite do 23 de xuño. “Este ano o xantar popular tamén gustou moito, pero no San Xoán tivemos que traer mesas ata do Cádavo para sentar a todo o mundo. Fóisenos das mans, estabamos sobre 150 persoas”. Este ano repetiron a comida a base de liscos, sardiñas e salchichas para os máis pequenos nunha xornada na que a música tampouco faltou. En xeral, todas as actividades son unha boa forma de manter os lazos da comunidade: “A verdade é que moitos din que só nos vemos aquí no campo da festa e é certo. Cada un está ao seu, ás veces cruzámonos na estrada e pouco máis”.
As súas iniciativas funcionan como punto de encontro para os máis maiores da zona. “Son tamén unha escusa para que baixen, porque moitos están na casa todo o ano e xúntanse ese día en concreto”, din. Máis aló da súa aposta cultural, tampouco se esquecen de promover xuntanzas para detectar as necesidades da parroquia. “Cando facemos as asembleas, en principio o problema das fochancas, como pasa con moita xente da cidade, é do que máis nos comentan. Tamén está o tema de que nalgunha zona que aínda faltan os sumidoiros e despois o de sempre, a limpeza das cunetas é o que máis nos transmiten”.
Pero aseguran que se senten escoitados. “A verdade no Concello trátannos moi ben, sobre todo coa concelleira Cristina López temos un trato excelente. Reunímonos con Maite Ferreiro e tamén moi ben porque hai moita comunicación”. Dende a directiva defenden a importancia de grupos coma o seu para que se manteña “unha liña directa co Concello, é básico, ao final se se perde, anda cada un ao seu”. Un labor que completan co seu calendario de propostas moi necesarias “nun pobo coma Orbazai que non ten bar”, comentan entre risas. Esta variedade de iniciativas asegura o seu futuro grazas á colaboración dos veciños e desta asociación que resiste o paso do tempo e funciona como “un motivo para vernos a miúdo porque somos unha parroquia moi dinámica e vital”.