Veciños de Santalla de Lamas: “Todos colaboramos e os que veñen a vivir aquí tamén participan”

LugoXa
Uns 100 socios compoñen a asociación desta parroquia de Lugo, que suma máis de dúas décadas de vida apostando pola vida cultura e social a través de citas como o Entroido, o lume novo ou a festa de Santa Eulalia
asociación_veciños_santalla_de_lamas_lugo
13 Out 2024

Lucía Blanco

A asociación da parroquia de Santalla de Lamas, en Lugo, conta con máis de dúas décadas de historia, nas que grazas á colaboración dos veciños lograron dinamizar a vida cultural e fomentar as unións neste núcleo de poboación. Manuel Rodríguez foi o fundador do colectivo alá polo ano 2001 cando os tempos eran outros. “Botou a andar grazas a el. Estivo 19 anos de presidente, foi o que impulsou todo e deu moito do seu tempo pola asociación nun momento ben distinto cando era máis complicado porque agora todo se fai por correo ou mensaxe”, conta Ana María López, que lle tomou o relevo á fronte do colectivo, que suma xa uns 100 socios.

“Cóntanse por casas, pero hai xente de fóra da parroquia que se asociou e xente que está vindo para aquí e tamén se une”. Aínda que hai moitos maiores, intentan tamén chegar aos máis novos coas súas propostas. “Por exemplo, facemos o Lume Novo, o magosto e o Entroido que un día é para os nenos e imos polo pobo todos disfrazados e outro día organizamos a nosa comida. Intentamos sempre inculcarlles aos cativos a importancia da asociación”. Tamén prepararon as festas do San Roque que celebraron o 23 e 24 de agosto. Comezaronn con churrascada popular e verbena da man do grupo Rubí, mentres que o sábado tiveron misa solemne, sesión vermú co trío Mar de Caión, que tamén amenizará a verbena.

En Lamas tampouco esquecen as tradicións e apostan por manter vivas as citas con máis arraigo na zona como é a festa de Santa Eulalia, que lograron recuperar. “Levaba 80 anos sen celebrarse e levámola organizando nós uns 7 anos, sen contar o parón pola pandemia, sempre no mes de febreiro”. A participación en todas as súas xuntanzas deixa moi bo sabor de boca: “Os veciños sempre se animan, normalmente xuntamos máis de 40 persoas”, di.

Xunto coas xuntanzas e romarías, os cursos e obradoiros protagonizan o calendario desta parroquia lucense. “Este ano tivemos restauración de mobles, pilates e pandeireta, que creo que foi o que máis gustou. De feito unha veciña de aquí compuxo unha canción sobre Lamas”. Pero programalos non resulta doado, recoñece. “É complicado polo tema dos horarios. Por exemplo, pilates puidémolo poñer pola noite porque se non a xente que traballa ás catro da tarde non pode ir pero intentamos axeitarnos tamén á xente traballadora”.

En canto ás necesidades da parroquia, séntense escoitados polos membros do Concello e da corporación municipal. “Cando os invitamos ás comidas que organizamos aproveitamos para trasladar as nosas demandas, como pode ser os arranxos dos camiños e vannos axudando todos, non nos decantamos por ningún porque o importante é mirar polo pobo”. O traballo de estar na asociación, preparar as xuntanzas e velar polo pobo asegura que non é pouco.

“Tes que sacar tempo libre e de estar coa familia. Eu por exemplo ademais de ser a presidenta estou tamén na comisión de festas porque se non hai alguén que tire malo. Manuel loitou moitos anos pola asociación e non podemos deixar que se desborde”. Porén, o esforzo paga a pena nunha parroquia como a súa, que é moi unida. “Todos facemos por todos. Por exemplo, temos unha fonte á que vén moita xente por auga e encargámonos de limpala, de rozar e de tela ben. Colaboramos e xantámonos e o que máis me gusta é que a xente que se veu a vivir aquí tamén se fixo socia e anímanse a participar”, conclúe.

 

0.16852998733521