Veciños do Burgo, en Lugo, denuncian os problemas de seguridade na LU-P-2901

LugoXa
Os usuarios e o PP instan a PSOE e BNG a construír a variante da LU-P-2901, para garantir a seguridade no Camiño e na parroquia
xuntanza-veciños-O-Burgo
18 Xuño 2024

No pleno de decembro de 2018 os tres grupos políticos que formaban esa corporación provincial (PP, PSOE e BNG) aprobaron por unanimidade que a Deputación Provincial de Lugo iniciase, de forma urxente, todas as accións necesarias para poñer en marcha o proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial LU-P-2901 dende o P.K. 3,3 ata o 5,4.

O proxecto desta variante iniciouse no ano 2006, unha infraestrutura que melloraría os tempos de recorrido, incrementaría a seguridade viaria e melloraría tamén a calidade de vida dos seus veciños. “Todo o que axude a garantir a seguridade e mellorar calidade de vida dos veciños sempre é benvido”, recordou.

Unha actuación “necesaria” e encamiñada a mellorar e garantir a seguridade nesta estrada, concretamente ao seu paso pola parroquia San Vicente de O Burgo un punto no que a diario comparten a vía os condutores e os centos de peregrinos que realizan o Camiño Primitivo. Os deputados provinciais Antonio Ameijide, José Pardo e José María Fernández, acompañados da concelleira en Lugo Flor Rubinos, mantiveron unha xuntanza cos veciños desta parroquia, que lles explicaron os problemas diarios que sofren.

Segundo aseguran os propios veciños, “polo momento non pasou nada, pero non estamos libres de que suceda unha desgraza porque son moitos peregrinos e vehículos compartindo unha estrada duns 4 metros de ancho, aproximadamente”. O escaso ancho da vía  xera situacións de risco para peóns e condutores. “Son necesarias actuacións que redunden na mellora da seguridade como, por exemplo, a habilitación dunha senda peonil á marxe da estrada pola que poidan transitar os peregrinos e demais peóns de forma que se separe o seu tránsito do tráfico rodado”, sinalou.

Son tan numerosas as situacións de perigo que Antonio Ameijide incide na necesidade de que a Deputación de Lugo dea cumprimento a ese acordo plenario construíndo unha variante da estrada provincial ao seu paso polo núcleo do Burgo, no termo municipal de Lugo, e habilitando unha senda peonil paralela á vía no tramo que coincide co Camiño Primitivo.

A estrada provincial LU-P-2901 percorre catro municipios da zona centro da provincia: Lugo, Friol, Guntín e Palas de Rei. Do seus 36,3 km, 14,6 km coinciden co trazado do Camiño Primitivo, nomeado Patrimonio da Humanidade no ano 2015. Esta é unha vía moi transitada: conta con abundante tráfico rodado e tamén cun importante volume de tráfico peonil, na súa maioría, peregrinos que percorren o Camiño ao seu paso pola nosa provincia. A convivencia de vehículos e peóns nesta vía evidencia a necesidade de tomar as medidas de seguridade que sexan necesarias para garantir a seguridade de tódolos usuarios e usuarias.

0.18520402908325