Veciños do Santo Matías quéixanse do estado do Camiño Primitivo
Veciños do Santo Matías, na parroquia do Veral, quéixanse do estado de abandono que amosa o Camiño Primitivo que se topa paralelo a estrada LU-2901 que une o Santo Matías co Burgo.
“A maleza alcanza xa un metro de alto facendo que os peregrinos e veciños que utilizan o sendeiro para pasear teñan que ir polo borde da estrada, xa que tampouco existe unha beiravía”, di unha veciña, “nalgúns tramos chega a cubrir por completo o sendeiro e a cuneta polo que supón un verdadeiro perigo”.
Esta estrada sirve de vía de comunicación de Lugo, Guntín, Friol e Palas de Rei e “a diario estanse a vivir situacións perigosas de circulación, pois está moi concurrida por peregrinos e máis agora nesta tempada”.
A actual estrada construiuse nos anos vinte e modernizouse coa chegada do Camiño Primitivo fai máis dunha década. E volveuse a mellorar fai dous anos.