Veciños e veciñas de Lugo concéntranse contra a planta de biometano durante o partido do Breogán

Este sábado, día 26 de abril, a plataforma veciñal Veciños e Veciñas de Lugo contra a Planta de Biometano convoca unha concentración de protesta diante do Pazo dos Deportes, coincidindo co partido entre o Breogán e o Juventud.
A mobilización terá lugar de 18:30 a 19:30 horas, e contará con pancartas e megafonía para facer visible o rexeitamento da cidadanía a este proxecto.
A protesta busca manter a presión social fronte á teimosía da empresa promotora en situar a planta de biometano nas proximidades de Lugo, a pesar da negativa xa emitida pola Xunta de Galicia. O organismo autonómico rexeitou o proxecto polos seus posibles impactos negativos sobre a saúde e o medio ambiente.
Desde a plataforma veciñal insisten en que non baixarán os brazos: "A empresa non desiste, e por iso nós tampouco. Seguimos loitando con forza para que esta planta non se instale neste emprazamento", sinalan no seu comunicado.
A cidadanía está chamada a participar nesta nova mostra de oposición veciñal, que busca visibilizar o seu compromiso coa defensa do territorio, a saúde pública e a sustentabilidade ambiental.