O PP afea ao PSOE a retirada de dous puntos tratados no pleno sobre a residencia de maiores das Gándaras

O pleno do Concello de Lugo comezou este xoves, 26 de febreiro, marcado pola concentración de veciños e veciñas que sostiveron unha pancarta no público na que se podía ler 'Queremos vivir e morrer con dignidade', en referencia ao proxecto da Xunta de Galicia para reformar a residencia de As Gándaras.
Desde o Goberno local, formado por PSOE e BNG, mostraron a súa oposición ao proxecto de reforma da residencia e o alcalde, Miguel Fernández, explicou que o proxecto modificado pola Xunta “non soluciona o problema que demandan os usuarios, que piden intimidade, e iso faise con habitacións individuais, non dobres separadas”. Por iso, reiterou que “seguiremos manifestándonos e mostrando o noso apoio ás residentes das Gándaras”.
Con todo, María Reigosa, concelleira do Goberno local, uniu de novo o seu voto ao PP para rexeitar a proposta do propio executivo de redeseñar a reforma de As Gándaras, argumentando que hai moita xente en lista de espera e que peor sería non ter acceso ao servizo.
Porén, o PP comunicou que o PSOE, tras o debate celebrado no pleno, decidiu eliminar da súa proposta o punto 1, no que se solicitaba “instar á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia á paralización inmediata das obras de reconversión de habitación individuais en dobres na Residencia de As Gándaras”, así como o punto 2, que recollía “esixir a modificación do proxecto de execución para que se manteña a configuración de habitacións individuais, asegurando que cada persoa residente conserve o seu espazo de intimidade e dignidade”.
Desde o Grupo Municipal do Partido Popular interpretan que a supresión destes dous apartados confirma que os traballos desenvolvidos polos técnicos da Consellería de Política Social e Igualdade, polo persoal do propio centro, pola Delegación da Xunta e polas organizacións sindicais que amosaron interese por esta cuestión permitiron acadar unha alternativa técnica que foi valorada de maneira favorable polos usuarios da residencia.
Segundo explican, a solución adoptada pasa por trasladar o baño adaptado, o que posibilita a creación de dúas zonas claramente diferenciadas dentro de cada cuarto, unha destinada a cada residente, garantindo así un espazo máis reservado, con ventá ao exterior e que non funcione como área de tránsito. Ademais, esta nova distribución permite ampliar os corredores xerais ata os 2,20 metros, a dimensión esixida para cumprir as condicións de evacuación máis estritas, incluída a saída en cama dos usuarios, asegurando ao mesmo tempo unhas condicións mínimas de accesibilidade sen renunciar ao benestar.
NOVO MODELO DE TRANSPORTE URBANO
Por outro lado, o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, defendeu no pleno municipal a iniciativa do BNG para instar á Xunta de Galicia a “analizar a situación da rede metropolitana de transporte e aumentar as frecuencias onde exista demanda para facilitar que a veciñanza do rural poida contar con transporte público para achegarse a Lugo”. Arroxo destacou que “o novo modelo de transporte no que está a traballar a cidade de Lugo, con máis bus urbano e co transporte rural a demanda, veríase beneficiado se contamos con máis frecuencias de transporte interurbano que permitan á veciñanza achegarse a Lugo e aos distintos concellos da rede metropolitana”.
A proposta, que foi aprobada por unanimidade, recolle as reclamacións de moitas asociacións veciñais da zona rural, que solicitan máis servizos, non só no transporte público municipal (bus urbano e transporte rural a demanda) senón tamén no transporte metropolitano xestionado pola Xunta. “Un exemplo claro disto son as reclamacións da asociación veciñal Rebordaos-Veral, que solicita unha mellora no transporte das parroquias próximas á estrada LU-232”, explicou Arroxo, engadindo que “estes núcleos de poboación contan co servizo da liña Lugo-Friol, que actualmente dispón de 3 servizos diarios, o que as veciñas e veciños consideran insuficiente”.
Segundo o portavoz do BNG, “estas reclamacións repítense habitualmente en distintos núcleos do rural de Lugo, como as diversas reclamacións feitas nos últimos anos pola veciñanza que vive nos núcleos de poboación comunicados a través da estrada de Portomarín, da Fonsagrada ou pola veciñanza de Ombreiro”.
O BNG defende o transporte público como un servizo esencial para a veciñanza, que permite reducir a contaminación e a conxestión das estradas, mais subliña que este servizo debe ser deseñado para responder ás necesidades reais do territorio e das persoas usuarias, que cada vez máis apostan por este modelo fronte ao vehículo privado.
VALORACIÓN DO PLENO POR PARTE DO PP
O PP valorou á saída do pleno municipal os acordos alcanzados en distintos eidos, poñendo en relevo os avances en infraestruturas e servizos públicos.
Entre os puntos destacados, o grupo popular subliñou a aprobación, con 13 votos a favor, da ampliación da intervención no acceso pola Fervedoira ata a Ronda Norte. Os populares recalcan que, tras anos de espera, Lugo non pode conformarse con 200.000 euros para repoñer o firme, e que a cidade merece un acceso seguro e moderno.
Outro acordo relevante acadou a unanimidade da corporación: impulsar un aparcadoiro no Parque de Enerxías Alternativas, no Ceao. Desde o PP sinalan que se trata dun espazo abandonado polo PSOE, que chegou a despilfarrar un millón de euros, e critican que, tras anunciar un proxecto executivo, agora só existe un estudo de alternativas.
Ademais, saíu adiante a retirada do recurso que bloqueaba o Plan de axilización da dependencia da Xunta, con 12 votos a favor do PP, 8 en contra do PSOE e 5 abstencións do BNG. Os populares lembran que non se pode poñer paus nas rodas cando están en xogo persoas dependentes e as súas familias.
Por último, tamén foi aprobado por unanimidade mellorar a estrutura, o persoal e a seguridade do servizo de Bombeiros, un servizo esencial que require reforzo e planificación.