Veciños protestan polo estado dun peche nunha finca da Milagrosa
A Asociación de Veciños, Comerciantes, e Industriais Distrito da Milagrosa anunciou que están a recibir múltiples queixas da situación na que se atopa o solar sito na confluencia das rúas Anselmo Sampedro con Eloy Maquieira, "pola súa situación do total abandono".
Explican que este solar cara á rúa Eloy Maquieira presenta un peche de bloque, en aparencia inclinado e que posiblemente ofreza un perigo de derrube, podendo afectar gravemente ou causar danos importantes nesa zona. Solicitan que se revisen as medidas de seguridade deste muro e se proceda a corrixir as deficiencias que presente (de acordo coa normativa vixente). "Despois das múltiples queixas recibidas fotografamos o exterior do muro de bloque e vemos que pode supoñer un risco para as persoas, para os nenos que xogan na zona, por iso solicitamos inspecciónese a seguridade do muro", din.
No resto de peche do solar hai unhas chapas metálicas que están a invadir a beirarrúa. Están ancoradas sobre chapas de ferro cravadas na propia beirarrúa e non no solar como tiña que ser, ocasionando molestias aos viandantes que pasan pola mencionada beirarrúa. Así mesmo, no interior do solar percíbese desde o exterior unha situación de total abandono.
Por isto, solicitan a intervención do Concello para que o propietario ou propietarios tomen as correspondentes medidas e emenden as deficiencias expostas.